Davila, Juan
Escultor. De posible orixe tudense ou valisoletana, recibiu a influencia de Juan de Juni, Berruguete e Esteban Jordán. Situado na transición do manierismo ao barroco, as súas obras caracterizáronse pola estilización das figuras que adoitan posturas complicadas, con pezas de roupa apegadas ao corpo de xeito que permiten descubrir a súa anatomía. En 1593 contratou con Francisco de Madrid e Esteban Jordán o retablo do altar maior da igrexa da Mare de Déu de Montserrat. En 1596, xunto co pintor Cosme de Azcuita, traballou no retablo maior de Santa María de Castrobeza e en 1597 realizou o retablo de San Miguel para San Nicolás de Valladolid. En 1599 o cabido compostelán chamouno para facerse cargo da realización do cadeirado do coro da catedral de Santiago en colaboración con Gregorio Español. En 1602 estableceu as directrices da nova capela maior da igrexa de Santa Susana e en 1603 asinou de novo con Gregorio Español a realización do retablo do colexio de Fonseca. Entre 1603 e 1610 traballou nun gran número de obras, algunhas delas desaparecidas e outras inacabadas. Da súa produción destaca o retablo da capela de San Roque de Santiago (1604), o retablo e unha reixa de madeira para a capela de San Fructuoso da catedral compostelá, o retablo da capela de San Luís do convento de San Francisco (1607), o retablo do altar da Nosa Señora da igrexa de San Martiño Pinario, o retablo maior de Santa Mariña Dozo de Cambados (1609), a reixa, a cadeira pontifical e dous colaterais do coro da catedral de Tui (1609), que foron substituídas polo cadeirado de Castro Canseco (1699), e as imaxes de Cristo, san Xoán e a Virxe para San Xoán de Meavía (Forcarei).
Cronoloxía
-
Nacemento
-
Deceso
Lugar : Santiago de Compostela