Davila Cons, Antonio
Escultor. Iniciou a súa formación no eido da ourivería no obradoiro de Anxo Mareque, a través de quen coñeceu a Mario Granell, quen o introduciu no ambiente artístico vigués. En 1946 ingresou na Escola de Artes e Oficios, onde estudiou ouriveiría con Mareque e debuxo con Maximiliano Vidales Espinosa. Trasladouse a Santander cunha bolsa de estudios para ampliar a súa formación escultórica con Andrés Novo Cuadrillero (1948-1950). Instalouse en Madrid e participou na IX Exposición Nacional de Arte de Educación y Descanso celebrada en 1951 no Círculo de Bellas Artes de Madrid, na que obtivo o segundo Premio Nacional de Escultura e a primeira Medalla de Bronce. Regresou a Vigo en 1952 e comezou a traballar como técnico modelista en cerámica en Manuel Álvarez e Hijos, S A. Dende 1955 dedicouse de xeito máis intensivo á escultura e realizou a súa primeira mostra na sala Foto Club con 25 pezas en granito. En 1958 trasladouse a México onde se interesou polas culturas precolombinas, especialmente pola maia, na que se inspiraron moitas das súas obras. Retornou a España en 1968 e instalouse en Tossa del Mar (Girona). Realizou entón unha obra na que mesturou o mundo primitivo mexicano coa linguaxe expresionista. En 1972 trasladouse a Italia, onde recibiu a influencia de Medardo Rosso e Brancusi. Finalmente, instalouse en París e obtivo a nacionalidade francesa. A súa linguaxe plástica volveuse máis abstracta e caracterizouse polo minimalismo das formas, moi verticais, que reduciron a súa estrutura máis primaria.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Vigo -
Deceso
Lugar : París