Davila Fernández, Remigio

Davila Fernández, Remigio

Escultor. Coñecido como Remigio, iniciou a súa formación artística en 1964. Foi profesor de debuxo e pintura e auxiliar de modelado e talla en pedra na Escola de Artes e Oficios de Vigo (1975-1977). Empregou, entre outros materiais, a pedra, o bronce, o ferro, o cobre, o aceiro inoxidable, as resinas de poliéster e as mallas de aceiro refractario; e empregou pátinas, oxidacións, texturas e pulidos na busca dunha valoración da materia sobre a forma. Traballou con formas obxectuais máis ou menos figurativas, nas que prevaleceu máis o escultórico ca o obxecto. Realizou series temáticas que parten de materiais industriais. Entre outras destacan Moda Gallega, Complementos, Eros, Mitologías, Herramientas, Las formas del sonido e Reconversión industrial. Realizou, entre outras obras, o monumento ao músico Andrés Gaos en Vigo (1994). En 1999 coordinou o I Simposium Internacional de Escultura Monte Alba (Vigo). Participou, entre outras exposicións, na I Mostra Unión Fenosa (1989), en Galicia Terra Única (1997), no Concurso de Escultura de Castelraimondo en Macertatta (1999), na I Bienal de Escultura en Mármore Saint Pons de Tomieres (2000) e na XI Bienal Internacional de Vilanova de Cerveira (2001). Entre outros galardóns obtivo o terceiro premio do II Simposio Internacional de Escultura ao Aire Libre do Grove (1991), o primeiro premio no I Simposium Internacional de Escultura en Mármol de Fines-Macael (Almería) e o Premio Danza no I Simposio Internacional de Escultura a la Memoria de los Pueblos en Jarque (Teruel, 1996).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Vigo