Dayton, Acordos de
Acordo Marco Xeral de Paz, que se celebrou en Dayton (Ohio) baixo o patrocinio do presidente dos EE UU, William Clinton, e do secretario de Estado dos EE UU, Warren Christoper, entre os presidentes de Bosnia, Croacia e a República Federal de Iugoslavia. Foi asinado o 21 de novembro de 1995, e rubricado en París o 14 de decembro de 1995 polos presidentes Alija Izetbegović (Bosnia), Slobodan Milošević (República Federal de Iugoslavia) e Franjo Tudjman (Croacia). No tratado recollíase a creación dun Estado bosnio unificado no territorio de Bosnia-Herzegovina, con dúas entidades diferentes: a Federación de Bosnia-Herzegovina (establecida sobre o 51% do territorio de Bosnia) e a República Serbia (49% do territorio). Estableceuse a celebración de eleccións libres e democráticas, baixo supervisión da OSCE, e a cidade de Sarajevo reunificouse baixo o control da Federación de Bosnia-Herzegovina. A Forza de Protección das Nacións Unidas (UNPROFOR) foi substituída pola Forza de Implementación (IFOR) constituída por 60.000 soldados, baixo a dirección da OTAN, como medida de seguridade e garantía para a paz. Entre as misións deste corpo de paz están a supervisión das relacións entre os antigos inimigos e o fomento da cooperación entre ambos pobos. Os presidentes comprometéronse tamén a liberar os combatentes e civís detidos durante o conflito. Despois das negociacións de Dayton, o Comité Director do Consello para a Implementación da Paz (PIC) mantivo diversas reunións en Londres, Florencia, Bonn, Roma e Madrid para o desenvolvemento dos acordos e o seu cumprimento.