De aldeas a cidades
Ensaio da autoría de Román Rodríguez González publicado en 1999 e Premio da Crítica Galicia 2000. É unha análise profunda dos procesos de urbanización das vilas galegas e do mapa urbano de Galicia dende distintas perspectivas. Estudia o proceso de transformación global que modificou as estruturas espaciais e comportamentos urbanos da poboación galega, á vez que advirte das ameazas e lembra as disfuncións da paisaxe urbana galega. Describe os asentamentos urbanos, o desenvolvemento urbanístico que se produciu dende mediados dos anos sesenta en moitas vilas galegas e que transformou a súa fisionomía, e realiza un percorrido completo polos principais centros do interior, afondando nas causas e consecuencias que envolven o crecemento económico e demográfico destes espacios, a medio camiño entre aldeas e cidades. Estruturalmente, divídese en cinco extensos capítulos, divididos á súa vez en diferentes apartados: “A evidencia dunha transformación”, “Formas urbanas e liñas de expansión”, “Estratexias e procesos construtivos”, “Zonificación económica e usos do solo” e “As paisaxes construídas”.