De Filippo, Eduardo
Actor, director de escena e dramaturgo. Comezou a súa carreira teatral aos catro anos, interpretando a un neno xaponés no espectáculo La geisha, na compañía de Eduardo e Vicenzo Scarpetta. Nacido nunha familia de actores, en 1932 formou unha compañía cos seus irmáns Peppino e Titina, na que traballaron xuntos ata 1945, ano en que Peppino formou a súa propia. A partir de 1923 comezou a escribir textos e dirixir espectáculos, e iniciou unha das máis densas e prolíficas carreiras no eido dramático e teatral, ata converterse nunha das figuras máis admiradas na cultura italiana no s XX, traxectoria na que cómpre salientar o seu traballo como actor. A súa obra dramática, cunha clara tendencia realista e popular, presenta os conflitos entre o home e a sociedade, particularmente os derivados da loita pola vida, a miseria e a inxustiza. A crítica ten salientado que constitúen unha especie de fresco da vida cotiá napolitana, dos seus personaxes e conflitos, nas que o humor e a farsa adquiren especial relevancia; tamén destacan no plano lingüístico, pois as súas obras constitúen unha mestura de italiano e napolitano. Entre eses textos cómpre subliñar Napoli milionaria (Nápoles millonaria, 1945); Filomena Marturano (1946); La Grande Magia (A gran maxia, 1946); Sabato, domenica e lunedi (Sábado, domingo e luns, 1959); Il sindaco del rione Sanità (O pedáneo do barrio da Sanità, 1960); ou Il Contratto (O contrato, 1967).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Nápoles -
Deceso
Lugar : Roma