De la Iglesia

De la Iglesia
[ONOM]

Forma castelá correspondente ao apelido galego Da Igrexa e ás súas variantes, como Da Eirexa, Da Airexa, Da Irexa, Eirexe ou Irexe. Non se conserva na antroponimia ningunha forma galega derivada de ecclesia debido ao proceso de castelanización ao que se viu sometida a onomástica galega a partir do s XV. A orixe do apelido está nos milleiros de topónimos espallados polo territorio galego. Documéntase en latin no s XIII: “Johannes Fernandi de Ecclesia” (doc ano 1232 en Miguel Romaní, A Colección diplomática do Mosteiro Cisterciense de Santa María de Oseira (1025-1399), vol II, 1990-1993, p 339). En romance atéstase no s XVI: “Maria d’Eygreja” (doc ano 1519 en E. Rivas, Onomástica persoal do noroeste hispano, 1991, p 555).