De Lollis, Cesare
Filólogo e crítico literario italiano. Discípulo dalgúns dos grandes filólogos do s XIX, como Ernesto Monaci, Francesco d’Ovidio, Gaston Paris ou Paul Meyer, desenvolveu o seu labor docente na Università di Genova, na materia de historia comparada das literaturas neolatinas, e na Università di Roma, como profesor de literaturas francesa e española modernas e como catedrático de Linguas e Literaturas Neolatinas, posto no que sucedeu o seu mestre Monaci. Dirixiu publicacións periódicas, como os Studi di Filologia Romanza e La Cultura, e ocupou a secretaría do Istituto Storico Italiano. As súas investigacións céntranse nas literaturas europeas, románicas e xermánicas, tanto modernas como clásicas ou medievais. Na literatura medieval prestoulle especial atención á lírica románica, sobre todo á poesía trobadoresca provenzal e ás escolas poéticas italianas, como a Escola Siciliana, Dante e o dolce stil novo. Na lírica galego-portuguesa, escribiu “Cantigas de amor e de maldizer de Alfonso X, o Sábio” (Studi di Filologia Romanza, 1887) e “Dalle cantigas de amor a quelle de amigo” (Homenaje a Ramón Menéndez Pidal, 1924). Neste estudo contradí as teorías que concibían a cantiga de amigo como un xénero xurdido dunha poesía hispánica de orixe popular e anterior á influencia cortesá de orixe occitana. Postula que o primeiro xénero en cultivarse foi o da cantiga de amor; nun segundo momento, e como reacción estilística dentro da mesma poesía cortés, comezou a cultivarse a cantiga de amigo. Non exclúe a existencia da poesía popular, que considera anterior ao florecemento da poesía áulica, aínda que sitúa o xénero de amigo fóra desta corrente.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Casalincontrada, Chieti -
Deceso