De Sica, Vittorio
Actor e director cinematográfico e teatral italiano. Comezou a súa carreira como actor de teatro en 1923 da man de Tatiana Paulova, actriz ucraína establecida en Italia trala Revolución de Outubro. Entre 1930 -ano no que crea unha compañía propia xunto coa súa primeira muller, Giuditta Rissoni- e 1945, participou en diversos espectáculos creados a partir de autores como Luigi Pirandello, John Priestley ou George Bernard Shaw, ou pertencentes ao xénero musical e da revista. En 1946 interpretou a Fígaro no espectáculo Matrimonio di Figaro (As vodas de Fígaro), que dirixiu Luchino Visconti. Rematada a guerra, centrou a súa carreira na realización cinematográfica. Iniciouse no cine facendo pequenos papeis secundarios. Entre 1949 e 1952 foi un dos representantes máis importantes do neorrealismo. Na súa faceta de realizador asinou filmes como Ladri di biciclette (Ladrón de bicicletas, 1948); Miracolo a Milano (Milagre en Milán, 1950), premiado no Festival de Cannes de 1951; Umberto D (1952); La ciociara (Dúas mulleres, 1960); ou I girasoli (Os xirasoles, 1969). Como actor participou en gran cantidade de producións, entre as que destacan Napoli d’altri tempi (Nápoles doutros tempos, 1937); Madame de... (1953); L’oro di Napoli (O ouro de Nápoles, 1954); ou Il generale Della Rovere (O xeneral Della Rovere, 1959).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Soro, Lazio -
Deceso
Lugar : París