Debussy, Claude-Achille
Compositor francés. Realizou estudios musicais no Conservatorio de París onde foi discípulo de Lavignac, Guiraud e Marmontel. Na súa xuventude comezou as xiras musicais como pianista por distintos países de Europa (Francia, Italia, Rusia, etc) e converteuse no músico privado da baronesa Nadejda von Meck, mecenas de Chaikovski. En 1884 gañou o Grand Prix de Roma coa cantata L’enfant prodigue, feito que lle proporcionou a posibilidade de estudar en Roma e instalarse en Villa Medici, onde coñeceu, entre outros, a Verdi. Despois da súa estancia en Roma, regresou a París e alí coñeceu a outros poetas e escritores da época. Representante do impresionismo musical e un dos precursores da música moderna, a súa obra relacionouse coa pintura e a literatura do momento, e converteuse nunha especie de continuación destas; ademais, a súa estética tentou reflectir a esencia da natureza e traspasala a notas estimuladoras da imaxinación baixo un ton poético. Autor dun gran número de artigos de crítica e de estética musical, as súas innovacións foron sobre todo harmónicas e liberou a música das limitacións tradicionais ao darlles importancia aos silencios e ás pausas e usar varios planos rítmicos. Así mesmo, rexeitou as tonalidades clásicas, optou pola sucesión cambiante de acordes, defendeu o colorido dos sons, que se suceden sen dominar uns sobre os outros, creou unha música de sensacións baseada nun ritmo variado, impreciso e irregular, e transformou a técnica do piano ao darlle prioridade á sonoridade sobre o virtuosismo. Para escena escribiu a ópera Pelléas et Mélisande (1902), baseada na obra homónima de teatro de M. Maeterlinck; Le martyre de Saint-Sébastien (O martirio de san Sebastián, 1911); e os ballets Khamma (1912) e Jeux (Xogos, 1913). Para orquestra, destacan Prélude à l’après-midi d’un faune (Preludio á sesta dun fauno, 1894), baseada nun poema de Mallarmé; os tres Nocturnes (Nocturnos, 1899) que inclúen as obras Nuages (Nubes), Fêtes (Festas) e Sirènes (Sereas); La mer (O mar, 1905); e Images (Imaxes, 1912). Dentro da súa obra de cámara sobresae un cuarteto de corda (1893) e tres sonatas para diferentes instrumentos. Para piano escribiu Suite bergamasque (1890), Estampes (Estampas, 1903) e diversos preludios e estudios.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Saint -
Deceso
Lugar : Laye -
Deceso
Lugar : París