Década Ominosa
Período comprendido entre a volta ao poder absolutista de Fernando VII en España, apoiado polos Cen Mil Fillos de San Luís (outubro do 1823), e a súa morte, en setembro de 1833. Este período caracterizouse pola forte represión anticlerical, polo agravamento da crise do Antigo Réxime e pola reforma, iniciada polos absolutistas, de facenda e da administración. Estas reformas fixeron que o clero e a fidalguía constituísen un partido apostólico, encabezado polo irmán do rei, Carlos María Isidro. Fernando VII, sen fillos ata o seu cuarto matrimonio con María Cristina de Nápoles, declarou sucesora a súa única filla, a infanta Isabel (1830), e a súa nai viuse na obriga de buscar o apoio dos liberais para defender o dereito ao trono da súa filla. A recuperación do absolutismo contou en Galicia coa axuda das clases dirixentes e da Igrexa. Entre os seus partidarios cómpre destacar a Rafael de Vélez (Santiago de Compostela), Dámaso Iglesias Lago (Ourense), José Antonio de Azpeitia y Sáenz (Lugo) ou Bartolomé Cienfuegos (Mondoñedo), que emprenderon un labor de depuración entre os seus membros e a poboación civil. En 1825 constituíuse unha Xunta de Purificación, integrada por absolutistas, que pretendían limpar a universidade de sospeitosos de pertencer ás sociedades patrióticas ou de participar nas institucións do Trienio. A creación dun corpo de policía nacional (8.1.1824), intrumento de coacción ideolóxica e con presenza en todas as vilas, tivo gran relevancia en Galicia, onde en ocasións dirixiron os voluntarios realistas e estableceron o control do campesiñado galego. O capitán xeneral Nazario Eguía exercía o control militar, acompañado por un equipo de gobernadores militares da súa confianza, entre os que destacaba o gobernador militar de Ferrol, Zumalacárregui. Eguia trasladou a capitanía xeneral a Santiago de Compostela, o centro do absolutismo galego, emprendeu unha campaña contra as partidas de liberais en Valdeorras e en Bordas, na Mezquita, e impediu as comunicacións cos exiliados no estranxeiro.