decreto

decreto

(< lat decrētu)

  1. [DER]
    1. s m

      Resolución, decisión ou determinación realizada polo xefe do Estado, polos órganos colexiados do goberno do Estado ou das comunidades autónomas ou por un tribunal ou xuíz sobre calquera materia ou negocio. Aplícase especialmente aos de carácter político ou gobernativo, emanados dos gobernos (central, autonómico ou local). O decreto é a forma que deben adoptar os acordos tomados nos consellos de ministros, sempre que se aproben disposicións de carácter xeral con rango inferior ao da lei, se produzan nomeamentos, etc. En España expídeos o Rei (Real Decreto) co referendo do ministro correspondente, do ministro da Presidencia ou do presidente do goberno nos seus casos.

    2. decreto lei

      Decreto con rango de lei ditado con carácter provisional polo goberno en casos de extraordinaria e urxente necesidade e que, no período máximo de trinta días, debe ser aceptada ou rexeitada polo Congreso de los Diputados. A Constitución Española de 1978 prohibe utilizalos para regular materias determinadas, como o ordenamento das institucións básicas do Estado, os dereitos, deberes e liberdades fundamentais, o réxime das comunidades autónomas e o dereito electoral xeral. Os gobernos das comunidades autónomas carecen da facultade de ditar decretos lei.

    3. decreto lexislativo

      Decreto con rango de lei ditado polo poder executivo que contén lexislación delegada polo poder lexislativo. En España, as Cortes Generales poden delegar no goberno a potestade de ditar normas de carácter legal sobre materias que, necesariamente, non precisen ser reguladas mediante leis orgánicas. A delegación lexislativa deberá facerse de forma expresa, para materia concreta e con fixación de prazo para o seu exercicio. A delegación outórgase mediante unha lei de bases cando o seu obxectivo sexa a formación dun texto articulado e mediante unha lei ordinaria cando se trate de refundir varios textos legais nun só.

  2. [DER]
    1. s m

      Forma particular que asumen as ordes escritas provenientes da autoridade eclesiástica competente.

    2. decreto xeral

      Decreto co que o lexislador establece prescricións comúns a unha comunidade. Debe seguir as pautas e rexerse polas prescricións da lei.

    3. decreto xeral executorio

      Disposicións emanadas da autoridade executiva, co fin de asegurar o cumprimento da lei ou de acoutar o xeito no que se debe cumprir. Aínda que non é unha lei, senón unha disposición administrativa de carácter xeral, a súa promulgación debe facerse do mesmo modo ca aquela e obriga as mesmas persoas ás que obriga a lei para a execución da que se promulga.

    4. decreto xudicial

      Pronunciamento, exceptuando a sentencia, efectuado por un xuíz ou tribunal, que afecta ás partes no proceso, aínda que non ten ningunha eficacia se non se fan constar os motivos ou se non se remite aos expostos xa noutro acto.

  3. s m [DER]
    1. Decisión ou sentenza que ditaba o emperador para resolver as controversias que se lle presentaban sen suxeitarse ás regras do procedemento ordinario.

    2. Mandamento que facía un maxistrado, que dispuña do imperium, para resolver os litixios que se lle presentaban en primeira instancia ou en apelación, para facer preceptiva a realización dunha determinada actuación ou actualizar a realización dun negocio xurídico.