Defensa, La

Defensa, La

Publicación aparecida o 5 de agosto de 1906 en Betanzos e que cesou a súa edición en 1910. Fundada por Víctor Naveira Pato, subtitulouse “Órgano de las Asociaciones de Agricultores”. Dirixiuna Wenceslao Fernández Flórez ata xuño de 1907, e foi substituído por Antonio Carballo Tenorio. Contou coa colaboración de, entre outros, Anxo do Castillo, Benito Calderón, Xosé Fontela, Rof Codina, Manuel Vázquez Seijas, Pablo Pérez Constanti e Manuel Murguía. Editouse inicialmente na imprenta de Tierra Gallega, na Coruña, e logo pasou aos obradoiros de El Noroeste, de El Liberal de Madrid, de Pedro González e do xornal El Eco de Galicia. Semanario católico e tradicionalista, apoiou o agrarismo de Solidaridad Gallega e contou cos recursos económicos da familia Naveira. Incluíu artigos de carácter político, críticas ao xornal opositor La Aspiración, información sobre agricultura e gandería, e diversas monografías como o “Refraneiro agrícola-metereolóxico”, de Salvador Golpe, e “La arquitectura cristiana en Galicia”, de Anxo do Castillo. Así mesmo, inseriu como folletín o Catecismo da doutrina labrega, de Marcos da Portela.