Defensa, La
Publicación en castelán que apareceu en Mondoñedo o 17 de decembro de 1906 e que cesou a súa edición o 17 de xuño de 1909. A partir do 21 de xullo de 1909 foi substituída por La Semana. Subtitulouse “Semanario tradicionalista”. Fundada e dirixida por Enrique Costas Márquez, contou coa colaboración de A. López Ferreiro, Vicente Saavedra Pardo, Emilio A. Villelga, Marcelino García, Xoán Barcia Caballero, Salvador Cabeza de León e Francisco Fanego. O seu redactor-xefe foi o avogado Carolino Costas Márquez e editábase na imprenta de Mancebo. Dividiuse nos apartados: “Sección religiosa”, “Artículos”, “Poesía”, “Noticias generales”, “Noticias locales”, “Telegramas”, “Bibliografías”, “Cuestiones del día”, “Apuntes históricos”, “Madrileña” e “Indicador agrícola”. Trátase dunha revista de propaganda carlista e de carácter relixioso, achegada ao agrarismo católico e a Solidariedad Gallega. Incluíu diversos textos en prosa e poesías, algunhas en galego, latín ou bable. Tamén apareceu por entregas a Biografía de San Rosendo, de A. López Ferreiro.