Del Río Pérez, Jesús Salvador
Actor e director teatral. A súa actividade teatral comezou a principios da década dos oitenta na compañía de teatro afeccionado Aurín, grupo co que colaborou en diversas montaxes ata 1990. No ano 1991 comezou os seus traballos profesionais con Teatro de Ningures e participou en Elektra (1992), O Polbo (1993), Tic-Tac (1995) que ten como fonte textos de Suso de Toro, Lugar común (1998) ou Fausto (2001). En 1991 traballou co Centro Dramático Galego nos espectáculos Así é, se vos parece e O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca. No ano 1996 entrou a formar parte do elenco estable desta compañía, para a que interpretou diversos papeis en O peregrino errante que cansou ao demo (1997), O bufón de El Rei (1997) ou Memoria de Antígona (1998). En 2001, volveu traballar co CDG no espectáculo A cacatúa verde. De forma ocasional colaborou con outras compañías como con Producións Teatrais do Sur en Macbett (1994) ou con Teatro do Morcego en Morte accidental dun anarquista (1999) e en A branca rosa (2000). A partir de 1999 dirixiu o grupo Llu-llu Teatro, do que foi membro fundador, e encargouse da posta en escena das montaxes Ñaque, ou de piollos e actores (1999) ou O circo enmeigado (2001). Tamén é actor episódico para series de televisión como Mareas vivas ou Pratos combinados.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Moaña