delegado -da

delegado -da

(< delegar)

  1. p reg

    de delegar.

    1. adx e s

      Persoa na que se delega unha facultade ou poder.

      Ex: Os conselleiros delegados non firmaron o acordo. Os delegados de empresa reuníronse para resolver o problema.

      Sinónimos: representante.
    2. delegado de persoal [DER]

      Órgano extrasindical ao que lle corresponde a representación mancomunada dos intereses dos traballadores nas empresas ou centros de traballo que teñan máis de dez traballadores fixos e menos de cincuenta, ou naquelas que, contando entre seis e dez traballadores, así o decidiran estes por maioría. Teñen as mesmas competencias ca os comités de empresa, e están obrigados a gardar idénticas normas sobre o sixilo profesional.

    3. delegado de prevención [DER]

      Delegado dos traballadores con funcións específicas en materia de prevención de riscos no traballo.

    4. delegado do goberno [DER]

      Cargo político e administrativo encargado de dirixir e coordinar a administración do Estado no ámbito territorial dunha comunidade autónoma e de coordinala, cando sexa procedente, coa administración autonómica. Noméao por decreto o consello de ministros a proposta do presidente. A sede da delegación do goberno establécese na cidade onde estea o consello do goberno da comunidade autónoma, agás que o consello de ministros ou o estatuto de autonomía decidan outra cousa.

    5. delegado sindical [DER]

      Delegado dun sindicato ou central sindical con presenza no comité de empresa, naquelas empresas que superan os douscentos cincuenta traballadores. Os compoñentes das seccións sindicais poden elixir un número de delegados sindicais variable en relación á porcentaxe de votos obtidos nas eleccións do comité de empresa e ao número de traballadores desta.