Delfinado
Rexión histórica do SL de Francia que se estende desde o Rhône aos Alpes, polos departamentos de Isère, Drôme e os Altos Alpes. Centrada primeiro en Vienne, a capitalidade pasou posteriormente a Grenoble. Comprende as comarcas do Valentinoïs, as Baronnies e Champsaur, con centro en Valence. É unha área predominantemente agrícola, con cultivo de cereais e froitas. A industria é especialmente téxtil, papeleira e de coiro. Denominada antigamente Delfinado de Viennois, este territorio feudal xurdiu do antigo condado de Vienne cando o arcebispo Brochard, conde de Vienne, enfeudoulle a parte meridional deste condado a Guigues I, conde de Albon (1029). Os señores deste feudo foron denominados Delfíns, título que lle deu nome ao territorio que rexían. Foi gobernado por tres dinastías: a de Albon (1029-1062), a de Borgoña (1192-1281) e a de La Tour du Pin (1281-1349). O último delfín Humberto III cedeulle a Filipe de Valois, rei de Francia, o Delfinado que desde entón pasou a ser feudo dos presuntos herdeiros ao trono. En 1560 o territorio integrouse en Francia e en 1790 deixou de constituír unha rexión independente e dividiuse en departamentos.