Delgado, Bertomeu

Delgado, Bertomeu

Entallador. Activo en Santiago de Compostela entre 1600 e 1631. En 1600 fabricou unha custodia para o altar maior da igrexa do convento de Santa Clara e en 1606 encomendóuselle a confección do retablo da igrexa de Santa María de Beán (Ordes), no que empregou columnas cos fustes de forma helicoidal. As imaxes foron realizadas por Gregorio Español. En 1611 entallou, en colaboración con Francisco de Bran, o retablo da parroquia de Santa María de Arcos da Condesa (Caldas de Reis), e en 1615 o retablo da igrexa maior de Muros (1615). En 1618 fixo o retablo de Santa María a Nova de Noia para acoller a imaxe da súa patrona; e a freguesía de Santa María do Camiño de Santiago de Compostela encomendoulle outro retablo de dous corpos, adornado con esculturas de Pedro Suárez. En 1624 contratou co convento de San Francisco da Coruña a elaboración dun cadeirado de coro adornado con esmaltes e táboas con relevos. Para San Pedro de Campañó (Pontevedra) fixo en 1631 un retablo, no que debían colocarse varias esculturas de Xoán de Moreiras. Non se conservan apenas restos da súa obra. Con este mesmo nome, coñécese outro entallador natural da Terra de Montes que traballou no cadeirado do coro de San Paio de Antealtares (1619) con Francisco de Antas Franco e cara ao 1628 no altar maior da igrexa de Santiago de Pardesoa (Forcarei).