Delgado, Humberto
Militar e político portugués. Director xeral do secretariado de Aviação Civil (1944-1958), en 1945 fundou os Transportes Aéreos Portugueses (TAP) e creou as primeiras liñas aéreas que comunicaban con Angola e Moçambique, coñecidas como Linha Imperial. No ano 1952 foi destinado a Washington como agregado militar e representante na OTAN. Regresou a Portugal e en 1958 presentouse como candidato independente ás eleccións presidenciais, que gañou o candidato oficial salazarista. Tralas eleccións exiliouse ao Brasil onde entrou en contacto con núcleos de oposición portugueses en América Latina. En 1964 instalouse en Alxer e asumiu a xefatura da Junta Revolucionária Portuguesa, órgano directivo da Frente Patriótica de Libertação Nacional, que agrupaba as distintas correntes de oposición a Salazar. Tras acudir a unha cita con membros do exército en Badajoz, o 13 de febreiro de 1965, déuselle por desaparecido; o seu corpo localizouse dous meses máis tarde preto da fronteira hispano-portuguesa. O proceso que acusaba a membros da PIDE (Policía Internacional e de Defensa do Estado) salazarista do seu asasinato celebrouse trala Revolução de 1974 e, malia concluír con sentenza condenatoria do Tribunal Militar en 1981, ningún dos reos cumpriu a condena. En 1990 foi nomeado a título póstumo Marechal da Força Aérea e os seus restos mortais trasladáronse ao Panteão Nacional.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Torres Novas, Ribatejo -
Deceso
Lugar : Villanueva del Fresno, Badajoz