D’Emilio, James
Historiador da arte. Doutorouse en Historia da Arte polo Courtauld Institute of Art da Universidade de Londres coa tese Romanesque architectural sculpture in the diocese of Lugo, east of the Miño (Arquitectura e escultura románica na diocese de Lugo, ao leste do Miño, 1989). Profesor asociado de Humanidades da University of South Florida dende 1997, realizou estudios de arte medieval española, en especial sobre a arte románica galega e os mosteiros cistercienses en España. Participou en numerosos cursos e conferencias, entre os que destacan o simposio internacional O Pórtico da Gloria e a arte do seu tempo (1992). Colaborou, entre outras publicacións, en Cuadernos de Estudios Gallegos e Bulletin of the Society for Spanish and Portuguese Historical Studies. Entre os seus estudios sobresaen “La formación de la parroquia en la Galicia medieval“ (1997) e “The patronage of Romanesque Church Constrution in Galicia” (O padroado na construción de igrexas románicas en Galicia, 1999). Recibiu, entre outros galardóns, a bolsa concedida pola Graham Foundation para estudios avanzados en belas artes polo estudo The romanesque churches of Galicia: the making of a Provincial Art (As igrexas románicas de Galicia: a creación dunha arte provincial, 1999). Membro, entre outras asociacións, da American Historical Association, da Society of Architectural Hispanians e do Internacional Center for Medieval Art.