demografía

demografía

(< demo- + grafía)

  1. s f [DEMOG]

    Ciencia que ten como obxecto o estudo da poboación humana a través de aspectos como a súa dimensión, estrutura e evolución. O seu desenvolvemento como ciencia materializouse na Idade Contemporánea, pero o interese polos feitos da poboación, tanto no campo práctico coma no teórico, remóntase á Antigüidade; así o demostran exemplos como os censos militares e fiscais de Exipto ou de Roma, as utopías políticas dos filósofos gregos e as ideas relixiosas dos pensadores cristiáns primitivos. A medida que a estatística facilitou unha maior acumulación de datos, a demografía perfeccionou os seus métodos. Doutra banda, a ecoloxía humana, considera a poboación como unha das variables fundamentais do ecosistema mundial. Os censos son a principal base estatística que permite o estudo dos diferentes fenómenos demográficos.
    A ciencia demográfica

    Obxectos de estudio da demografía
    A demografía abrangue varias correntes de investigación, entre elas a demografía cuantitativa, a demografía económica, a demografía social, a demografía cualitativa e a demografía histórica. A cuantitativa presenta á súa vez unha subdivisión interna entre demografía descritiva, que analiza os parámetros relativos ao estado e ás variacións da poboación (tomando como fontes as estatísticas demográficas), e demografía teorética ou pura, que intenta expresar os datos demográficos en termos matemáticos e así establecer modelos teóricos de interpretación dos fenómenos demográficos. A demografía económica e a social estudian as relacións existentes entre os aspectos económicos e sociais con respecto aos fenómenos demográficos. A demografía cualitativa, pola súa banda, estudia a distribución das características de tipo cualitativo dunha poboación: intelectuais, físicas, sociais, etc, e comprende a xenética demográfica ou xenética da poboación. Por último, a demografía histórica ocúpase da crítica das doutrinas e teorías demográficas e da historia das poboacións, e ten como obxecto o estudio das poboacións pasadas e as relacións entre historia e poboamento. Finalmente, apareceu entre os demógrafos un crecente interese polo estudo biolóxico das poboacións que deu lugar ao xurdimento da demografía biolóxica, que estudia aspectos médicos relacionados cos fenómenos demográficos, como a epidemioloxía, a ecoloxía xeral e humana, a biometría da fecundidade e da mortalidade, e sobre todo a xenética da poboación.
    Desenvolvemento histórico da demografía
    O estudo da poboación humana acadou un papel determinante entre os economistas e sociólogos do s XIX, que tiñan como obxectivo aprehender o funcionamento e desenvolvemento do sistema capitalista. Malia esta circunstancia e a pesar de existir estudios demográficos con máis de tres séculos de antigüidade, non foi ata a segunda metade do s XIX cando a demografía se constituíu en disciplina autónoma. O seu campo de estudio reduciuse progresivamente, afastándose pouco a pouco das súas orixes sociolóxicas, económicas e estatísticas. Mentres que para A. Guillard, creador do termo, a demografía era “a historia natural e social da humanidade”, o Tratado de Demografía, publicado en 1945 baixo a dirección de A. Landry, distinguía entre a demografía cuantitativa, que estudia “os movementos que se producen nas poboacións con todo o que semellante estudio leva de investigación referente aos factores de onde proveñen eses movementos” e a demografía cualitativa, que “se ocupa das calidades dos seres humanos: calidades físicas, físico-intelectuais, intelectuais puras, calidades do carácter, calidades propiamente morais”. Con posterioridade, a demografía profundou nas técnicas de medición en detrimento do interese polas causas e as consecuencias. Nos anos sesenta do s XX aínda se contrapoñía a demografía xeral á análise demográfica, pero esta rematou por identificarse coa disciplina no seu conxunto. A demografía, no pleno sentido do termo (o estudo das poboacións humanas), é unha ciencia social na que a indución estatística non pode substituír a formulación de hipóteses. Así, o estudo da poboación non é tarefa exclusiva desta ciencia, senón que a comparten diversas disciplinas, como a socioloxía, a historia, a ecoloxía humana, a etnoloxía, a medicina, a economía ou a xeografía, que toman os métodos da demografía. As coincidencias temáticas e dos métodos de estudo adoitan ser a norma xeral, diferenciándose só polas finalidades, o enfoque e o diferente grao de interese co que tratan os problemas poboacionais. O obxecto da demografía é o de medir as variables que afectan á poboación humana (a distribución por sexo, idade, estado civil, natalidade, mortalidade, movementos migratorios, actividade, etc). Estas medicións adoitan expresarse en índices para facilitar as comparacións con outras poboacións ou entre diferentes datas. Os índices ou taxas establecen a relación do acontecemento estudado con respecto á poboación media e poden estar referidos ao conxunto desa poboación (índice bruto) ou a grupos reducidos, xeralmente grupos quinquenais de idade. As fontes estatísticas son fundamentais para o desenvolvemento dunha investigación demográfica. Os censos e os padróns de habitantes proporcionan a información básica sobre as características dunha poboación nun momento determinado. O rexistro civil é esencial para estudar a dinámica natural das poboacións (nacementos, defuncións, estado civil). A información sobre movementos espaciais é a máis difícil de obter e presenta problemas de interpretación, pois as migracións non sempre se recollen nas estatísticas e se se recollen son de escasa fiabilidade. As enquisas tamén son fontes demográficas de primeira orde, aínda que adoitan empregarse só para estudios puntuais ou para pequenas poboacións, debido ao complexo e custoso que resulta non só a súa realización senón tamén a explotación dos resultados. A demografía histórica é un caso á parte porque non pode empregar nin os mesmos métodos nin as mesmas fontes ca as outras ramas da demografía, ao carecer dun material estatístico como os censos e padróns contemporáneos. Por esta razón debe acudir a fontes auxiliares, que non foron elaboradas para o estudo da poboación, como listas de imposición, rexistros parroquiais de nacementos, defuncións e nupcialidade, recontos de fogares e casas con motivos fiscais ou para levas militares, etc. Unha vez que o demógrafo posúe os datos demográficos xa elaborados, esfórzase por localizar as causas dos fenómenos observados, as súas consecuencias e a posible evolución desa poboación. Deste xeito, os estudios demográficos permiten a elaboración de políticas adaptadas a unha situación determinada (equipamentos educativos ou xeriátricos, atención sanitaria, etc). Os rápidos cambios das condicións nas que acontecen os fenómenos demográficos son o gran problema dos demógrafos á hora de buscar as causas exactas que inciden na demografía.
    Os estudios de demografía en Galicia

    Os primeiros traballos con certa significación foron os de demografía histórica, en xeral englobados en investigacións máis amplas dedicadas á historia social e circunscritas a ámbitos territoriais menores (comarcais, municipais ou mesmo parroquiais). Obra pioneira foi La población de Galicia (1500-1945). Según los documentos estadísticos y descriptivos de cada época (1948), de J. Ruiz Almansa. Neste eido destaca a escola de historia moderna fundada en 1965 por Antonio Eiras Roel á que se poden adscribir diferentes investigadores, como Ofelia Rey Castelao, B. Barreiro Mallón, J. M. Pérez García, J. E. Gelabert González, Pegerto Saavedra Fernández, Mª Carmen Pallares Méndez ou Isidro Dubert García. Algúns aspectos demográficos, como o estudo da emigración, foron abordados con profusión polos investigadores, de xeito que incluso o Consello da Cultura Galega posúe un servicio específico, o Arquivo da Emigración Galega. Neste eido, hai que salientar as contribucións de diversos americanistas, como Pilar Cagiao Vila e Carlos Sixirei Paredes e de María Xosé Rodríguez Galdo e Fausto Dopico Gutiérrez del Arroyo.
    A demografía na obra dos economistas galegos
    Os economistas tamén contan con certa tradición na elaboración de estudios demográficos rigorosos, aínda que se interesan máis polas implicacións económicas que pode ter unha determinada estrutura demográfica. Entre os estudios demográficos elaborados por economistas destaca a obra de Xosé Manuel Beiras Torrado Estrutura y problemas de la población gallega (1970), ademais de relevantes traballos posteriores, como os de X. A. López Taboada, Economía e poboación en Galicia (1979) e La población de Galicia 1860-1991 (1996), ou os de Abel López, autor de A poboación galega entre 1960 e 1991 (1996), continuación da análise que publicara en 1970 Beiras Torrado. Os traballos de Beiras e López, elaborados dende unha mesma óptica e cunha metodoloxía similar, deron lugar á publicación dunha síntese asinada conxuntamente, A poboación galega no século XX (1999). Outros economistas, como Xaquín Fernández Leiceaga e Edelmiro López Iglesias, investigaron a evolución demográfica de Galicia no último cuarto do s XX co seu interese centrado nas repercusións socioeconómicas dos cambios no comportamento vexetativo que se experimentaron nese período. Á parte das súas investigacións, estes dous profesores promoveron os estudios demográficos interdisciplinares dende o Instituto de Estudios e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), no que participan os departamentos de economía aplicada, historia e xeografía da Universidade de Santiago de Compostela; entre as contribucións deste traballo interdisciplinar destaca a celebración do curso Cambio demográfico e consecuencias socioeconómicas (1997) e a publicación de Avellentamento demográfico e consecuencias socioeconómicas (2000), coordinado por Fernández Leiceaga.
    Os estudios da poboación na xeografía galega
    A preocupación polo estudo da poboación foi posterior na xeografía, pero sen embargo, esta é a disciplina científica que conta con maior número de achegas á demografía galega. Antes de 1970 a penas houbo publicacións sobre demografía escritas por xeógrafos: J. Dantín Cereceda publicou Distribución Geográfica de la Población de Galicia (1925) e J. M. Casas Torres, Cambios en la distribución regional de la población de Galicia durante nuestro siglo (1969). Nos anos setenta, a disciplina cobrou un maior desenvolvemento: Rosario Miralbés Bedera elaborou o artigo “Contrastes demográficos en Galicia” (1972), Jean-René Bertrand realizou a súa tese de estado sobre a nosa poboación e dende entón publicou numerosos artigos referidos á poboación galega que culminaron na súa tese de doutoramento La population de Galice, étude géographique (1986), da que se editou unha versión galega resumida titulada A poboación de Galicia. Estudios Xeográficos (1992). Julio Hernández Borge, publicou unha serie de títulos que abranguen practicamente todos os aspectos das análises xeodemográficas, tanto a escalas locais como xerais. Da súa produción hai que salientar Dinamismo y estrutura de la población en la provincia de Pontevedra (1974) e Tres millóns de galegos (1990). Xosé Manuel Souto González ocupouse de facer estudios globais do conxunto de Galicia, como “Encol do hábitat e do poboamento. O caso de Galicia” (1982), o apartado dedicado á poboación na súa Xeografía Humana (1988, segundo volume da Biblioteca Básica da Cultura Galega) e o tomo catro da Xeografía de Galicia dirixida por Augusto Pérez Alberti, titulado A Poboación e a Acción Xeodemográfica (1993), feito en colaboración con A. Campillo Ruiz e G. Méndez Martínez. Na década de 1990, Francisco Ramón Durán Villa centrou os seus esforzos no estudo da emigración. Andrés Precedo Ledo dirixiu A poboación de Galicia: análise demográfica e o seu impacto territorial (1994) e Informe demográfico de Galicia (1999), que afondan nos caracteres estruturais do conxunto da poboación galega. No referente ás análises estatísticas destacan diferentes obras, como as de María del Pilar de Torres Luna sobre as parroquias de Galicia, das que hai varias edicións en colaboración con outros autores, que recollen as variacións censuais. A obra de Alberto Pazo Labrador e Xosé Manuel Santos Solla, titulada Poboación e Territorio. As parroquias galegas nos últimos cen anos (1995), segue a mesma liña das de Torres Luna, pero recolle todas as variacións intercensuais do período 1887-1991. José Ramom Chantada Acosta e Emilio Ángel Abad Vidal publicaron en 1994 Estrutura por edad y sexo en Galicia, obra que compara a evolución desas variables entre 1986 e 1991. As análises locais proliferaron máis: María Luisa Pérez Fariña incluíu en La Ciudad de Pontevedra. Evolución Histórica y Demográfica estudios de demografía histórica, ademais dos habituais na xeografía da poboación; tamén cómpre mencionar as contribucións de María Luisa Pérez Iglesias, con Estrutura demográfica del municipio de Villagarcía (1978); Elena de Uña Álvarez, con “Resultados de la evolución de la población en su distribución espacial en la ciudad de Santiago de Compostela” (1982); María Teresa Rodríguez Facal, con “Betanzos: desarrollo actual” (1984); Francisco Rodríguez Lestegás, con “La ciudad de Lugo: estudo de demografía urbana” (1978); M. P. Villoch Vázquez, con Estudio geodemográfico del municipio de Foz (Lugo) (1989) e José Antonio Aldrey Vázquez, con Análise da poboación na área urbana de Santiago de Compostela (1999).

  2. demografía histórica [DEMOG/HIST]

    Parte da demografía dedicada ao estudo das poboacións antigas, particularmente aquelas das que non se dispón de datos estatísticos modernos, baseada en fontes como os rexistros parroquiais e os xenealóxicos para a reconstrución das familias. Polo feito de que as poboacións do pasado non limitaran o número de nacementos tivo unha importancia capital no estudo da fecundidade natural.