departamento
(< fr département)
-
s
m
Cada unha das partes en que se divide un espazo por medio de paredes ou medios de separación similares.
Ex: O armario que comprei para o estudo ten varios departamentos.
Sinónimos: compartimento. -
s
m
[DER]
División administrativa. En España identifícanse cos ministerios, como órganos complexos constitutivos das unidades básicas de estruturación da administración do Estado, aos que se lles encomenda a promoción e protección dun sector específico dos intereses públicos; son materialmente especializados e homoxéneos entre si. Tamén se pode falar do departamento xudicial, como termo que engloba as competencias de xurisdición dos diferentes xulgados dun territorio concreto, e do departamento universitario, como órgano administrativo que dirixe o ensino dunha determinada materia nunha universidade.
-
s
m
[XEOG]
Demarcación territorial de ámbito supralocal xurdida en Francia en 1790, no proceso de reorganización do Estado trala Revolución. Naceu como instrumento de homoxeneización da administración en todo o territorio francés, logo da supresión do réxime feudal e mantívose ao longo do tempo sen a penas modificacións. A Francia metropolitana dividiuse en 96 departamentos (incluídos os dous da illa de Córsega). Ademais, catro dos dez territorios de ultramar baixo soberanía francesa adquiriron a condición de departamentos (Guyana Francesa, Guadalupe, Martinica e illa de Reunión). A máxima autoridade do departamento é o prefecto, delegado do goberno no territorio. O modelo de administración territorial francés foi imitado, con maior ou menor fidelidade, noutros países, entre eles España que adoptou unha institución similar como unidade básica da organización territorial do Estado; aínda que denominada provincia, a institución española tivo o seu primeiro precedente histórico precisamente nun proxecto do goberno do Rei Xosé I Bonaparte que prevía a división do territorio español en prefecturas. Moitas das repúblicas americanas independizadas de España a principios do s XIX (nun proceso inspirado en ideais liberais similares aos que alimentaron intelectualmente a Revolución Francesa e indirectamente favorecido e posibilitado pola intervención napoleónica na metrópole) adoptaron a división departamental (Bolivia, El Salvador, Honduras, Nicaragua, Paraguay, Perú e Uruguay). Tamén se denominan departamentos as circunscricións administrativas dalgunhas antigas colonias francesas en África (Costa de Marfil e Níxer) e en América (Haití).
-
[COMUN]
-
departamento de contas/comercial
Órgano que comunica a axencia publicitaria co cliente ou anunciante a través dun executivo de contas. A súa finalidade principal é manter os contactos e xestións cos clientes, así como ofrecer servicios de atención continuada antes, durante e despois da realización da campaña publicitaria.
-
departamento de coordinación/tráfico
Órgano que supervisa o proceso de comunicación publicitaria dende que un anunciante chega á axencia de mans do departamento de contas ata que a campaña contratada se difunde nos medios de comunicación. Encárgase de cumprir os prazos temporais acordados, así como de xustificar os gastos derivados da elaboración da campaña e, en definitiva, de coordinar a campaña publicitaria.
-
departamento de creatividade/técnico
Sección encargada de dar forma gráfica e audiovisual ás mensaxes publicitarias. Á súa fronte está o director creativo, do que dependen directamente un director de arte, os técnicos e os redactores ou copys.
-
departamento de investigación e mercadotecnia
Órgano da axencia de publicidade que realiza os estudios precisos para desenvolver unha campaña. De entre estas investigacións destacan as referentes aos estudios de mercado e de produción, así como as referentes aos controis de eficacia publicitaria.
-
departamento de medios
Sección especializada, nunha empresa ou axencia publicitaria, na planificación da inserción publicitaria en medios de comunicación social. Selecciona os soportes máis apropiados para acadar os obxectivos marcados polo propio anunciante e as necesidades comunicativas do produto ou servizo que se pretende comercializar.
-
departamento de contas/comercial
-
departamento marítimo
[XEOG]
División administrativa da Mariña de guerra española. O litoral español divídese en tres departamentos establecidos en 1749: o do Cantábrico comprende a costa setentrional, entre as fronteiras con Francia e con Portugal, é dicir, entre as desembocaduras do Bidasoa e do Miño, e ten a súa capital en Ferrol; o de El Estrecho, con capital en Cádiz, inclúe a costa entre a desembocadura do Guadiana (na fronteira con Portugal) e o cabo de Gata, ademais do arquipélago de Canarias e as prazas de soberanía norteafricanas e do mar de Alborán; e o do Mediterráneo, con capital en Cartagena, esténdese dende o cabo de Gata ata a fronteira con Francia e inclúe as Illes Balears.