deportista

deportista

(

  1. adx e s

    Que ou quen practica un deporte.

    Ex: É tan deportista que vai adestrar todos os días. Os deportistas coidan moito a súa alimentación.

  2. deportista amateur/afeccionado

    Persoa que practica deporte de alta competición sen percibir remuneración económica, aínda que baixo a disciplina de clubs, asociacións ou federacións que lles sufragan os gastos de desprazamento, aloxamento, manutención e inscrición nas competicións e proporcionanlles os adestradores e os materiais precisos para o desenvolvemento da súa actividade. Nun principio eran os únicos participantes nos Xogos Olímpicos, pero a partir dos Xogos de Seúl 1988 elimináronselles totalmente as restricións para participar nas competicións olímpicas aos deportistas profesionais.

  3. deportista popular

    Persoa que dedica parte do seu tempo de lecer á práctica do seu deporte favorito e participa en competicións de xeito habitual sen ningún tipo de axuda ou compensación por parte de terceiros.

  4. deportista profesional

    Persoa que practica un deporte na alta competición e que obtén por iso unha remuneración económica que lle permite dedicarse exclusivamente a esa actividade. O seu réxime laboral regúlase en España segundo o Real Decreto 1.006/1985, de 26 de xuño. Os contratos, malia que poden acollerse a varias das modalidades establecidas na lexislación segundo acorden as partes, adoitan ser temporais e de curta duración, pois o tempo de permanencia na alta competición non se prolonga, polo xeral, máis de 12 ou 15 anos. Así, a cotización dos deportistas flutúa moito en función do seu rendemento. O xeito de percibir a retribución pola súa actividade depende principalmente da disciplina na que sexa especialista: se practica un deporte individual obtén fundamentalmente os seus ingresos ben en función dos resultados do seu traballo (premios) ou ben pola prestación dos seus servicios (fixos por participación nun evento de competición ou de exhibición); se practica un deporte de equipo percibe un salario e ademais unha serie de compensacións, en concepto de recompensa pola súa produtividade (primas por obxectivos conseguidos) ou pola sinatura do contrato co seu club ou asociación (ficha). Ademais dos ingresos que lles proporcionan os contratos e os premios, unha gran parte das súas rendas procede da utilización do seu nome e da súa imaxe na promoción de todo tipo de produtos, de xeito que hai deportistas que gañan máis cartos coa publicidade que co desenvolvemento da súa actividade deportiva.