deputación

deputación

(

  1. s f

    Corporación constituída por deputados ou representantes de territorios ou comunidades.

  2. s f

    Exercicio ou cargo de deputado.

  3. deputación permanente

    Conxunto de deputados, senadores ou representantes, depositario do poder lexislativo fóra dos períodos ordinarios de sesións ou cando as cámaras están disoltas pola convocatoria dun proceso de renovación das mesmas. As do Congreso de los Diputados e do Senado do Parlamento español intégranas un mínimo de 21 representantes dos grupos parlamentarios e presídeas o presidente da cámara respectiva. Entre as súas funcións destacan a de convocar o pleno da cámara en sesión extraordinaria sobre unha orde do día determinada e a de asumir as facultades das cámaras cando estas son disoltas ou expira o seu mandato no referemte á tramitación dos decretos-lei e á declaración dos estados de alarma, excepción e sitio. A deputación permanente do Parlamento de Galicia, presidida polo presidente da cámara, fórmana un mínimo de once parlamentarios, e cumpre, nas materias nas que a Comunidade Autónoma ten transferidas competencias, funcións similares ás súas homólogas do Parlamento español.

  4. deputación foral

    Institución creada para o goberno, administración e fomento dos intereses das provincias de Araba, Bizkaia, Guipuzkoa e Navarra. Ten unhas facultades lexislativas e executivas maiores ca as das deputacións provinciais recoñecidas polos seus respectivos foros, baseados nunha tradición histórica.

  5. deputación provincial

    Institución supramunicipal que administra investimentos e presta servicios no territorio dunha provincia. As deputacións provinciais constitúense despois da celebración das eleccións locais en función dos resultados destas, cun número de deputados proporcional ao censo de residentes, que oscila entre 25 e 51. A elección destes realízase por partidos xudiciais, entre os concelleiros electos agrupados en listas de partidos políticos ou de coalicións, para un mandato de catro anos. A deputación elixe o seu presidente, que debe contar coa maioría absoluta dos votos dos deputados. As súas competencias son as que lles atribúen as leis do estado e das comunidades autónomas nos diferentes sectores de acción pública e, en todo caso, a coordinación de servicios municipais entre si, a asistencia e cooperación xurídica, económica e técnica nos municipios, a prestación de servicios públicos supramunicipais e, en xeral, o fomento e administración dos intereses xerais da provincia (vías de comunicación, fomento de actuacións agropecuarias e da riqueza forestal, protección da industria, creación e sostemento de establecementos de asistencia social, creación de institucións de crédito popular e caixas de aforro, prestación de servicios sanitarios e difusión da cultura). Creounas a Constitución de 1812 para o goberno de cada unha das provincias da monarquía española, como a principal autoridade fiscal e política do goberno central no seu territorio. As sucesivas constitucións do s XIX reafirmaron o carácter das deputacións como órganos propios da provincia, intermedios entre o goberno central e o municipio. A derrogación da Constitución, decretada por Fernando VII, suprimiunas en 1814, aínda que se restableceron no Trienio Liberal (1820-1823). Nos dous primeiros períodos de vixencia, o territorio de Galicia, constituído en provincia ata 1822, foi dirixido por unha única deputación; en 1822 ao dividirse Galicia en cinco provincias creáronse as respectivas deputacións para cada unha delas (A Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Villafranca del Bierzo). Suprimidas durante a denominada Década Ominosa (1823-1833), restablecéronse en 1835 como resultado da nova división provincial de 1833, que en Galicia rexistrou a supresión da provincia de Villafranca del Bierzo (e a repartición do seu territorio entre as provincias de Ourense e León) e o traslado da capital da provincia de Vigo a Pontevedra, feito que implicou tamén un cambio de denominación. Un decreto do 20 de maio de 1913 autorizou as deputacións a mancomunarse entre si para acadar unha mellor prestación dos servicios. En 1931 as deputacións foron substituídas por agrupacións municipais mancomunadas de carácter provincial, reguladas mediantes a lei de bases municipais de 1935. A lei de 1955 supuxo unha nova reorganización das deputacións, consolidadas na Constitución de 1978. Nas Canarias os cabidos insulares, reagrupados nunha mancomunidade interinsular en cada unha das dúas provincias, asumen as funcións da deputación. As comunidades autónomas uniprovinciais (Principado de Asturias, Illes Balears, Región de Murcia e La Rioja) asumiron as competencias e os medios instrumentais das respectivas deputacións, de xeito que estas quedaron disoltas. Nos territorios de Araba, Bizkaia, Guipuzkoa e Navarra as deputacións son forais e teñen recoñecida, por tradición histórica, a potestade de rexerse por leis especiais ou foros de significativa importancia en materia tributaria.

  6. s f pazo da deputación

    Edificio que serve de sede da institución provincial.