Deputación Provincial da Coruña

Deputación Provincial da Coruña

Institución creada en 1822 para a administración e promoción dos intereses da provincia da Coruña. Constituíuse por primeira vez o 1 de xuño de 1822, en aplicación da resolución das Cortes españolas do 13 de xullo de 1821 que decidiu suprimir a provincia de Galicia e disgregar o seu territorio en cinco novas circunscricións. A cidade da Coruña converteuse na capital da demarcación; a concesión da capitalidade contou coa oposición de Santiago de Compostela, que aspiraba a ela. Suprimida en 1823 pola derrogación da Constitución, a deputación refundouse o 21 de novembro de 1835 na Coruña, trala recuperación do réxime constitucional, propiciada polo pasamento do Rei Fernando VII. Nese momento tamén foi problemática a designación da capital, pois Betanzos e Santiago de Compostela postuláronse como candidatas. A Deputación Provincial da Coruña centra a súa actividade en accións de apoio ao desenvolvemento económico e social, á mellora da rede viaria, á restauración de monumentos, á creación e á promoción das artes escénicas e do deporte. Entre o seu patrimonio cómpre destacar o Teatro Colón da Coruña e o Pazo de Mariñán.