Deputación Provincial de Pontevedra
Institución creada en 1836 para a administración e promoción dos intereses da provincia de Pontevedra. O seu precedente foi a Diputación Provincial de Vigo (1822-1823), que administrou durante o seu período de vixencia o mesmo territorio. O cambio de réxime propiciado polo ascenso ao trono de Isabel II (1833) significou a recuperación da administración provincial. Nesta circunscrición supuxo un traslado da capitalidade que beneficiou a vila de Pontevedra, que sostivo coas cidades de Tui e Vigo unha intensa pugna por acadar esa condición; incluso o goberno chegou a decretar o 26 de maio de 1836 o retorno da capital provincial a Vigo, pero a orde non chegou a executarse. No outono de 1840, co país inmerso nunha confrontación civil, a capital retornou a Vigo durante dúas semanas, prazo que non foi suficiente para consolidar o novo status quo e constituír unha nova deputación, porque, pasado ese tempo, o goberno deu instrucións para restaurar a situación precedente. A Deputación Provincial de Pontevedra estableceu a súa primeira sede no convento de San Francisco, onde permaneceu, coas excepcións expostas, entre 1836 e 1890; nese último ano pasou a ocupar un edificio construído na Alameda pontevedresa. Entre outros organismos, a Deputación Provincial de Pontevedra dirixe o Centro Forestal de Lourizán, a Cidade Infantil Príncipe Felipe e o Museo Provincial de Pontevedra. Entre as iniciativas culturais promovidas dende a institución, cómpre destacar a Bienal Internacional de Arte e o Concurso Exposición Internacional da Camelia.