Derecho, El

Derecho, El

Publicación bilingüe aparecida en Ourense o 2 de abril de 1890 e que cesou, probablemente, en 1898. Subtitulouse “Diario democrático” e imprimiuse inicialmente nos obradoiros tipográficos de Antonio Otero. De periodicidade trisemanal nos seus comezos, a partir de agosto de 1892 pasou a ser diaria. Dirixiuna Vicente Nonendeu Pardo e formaron parte do consello de redacción Benito Serantes e Alexandre Rodríguez. Colaboraban nela Francisco Álvarez Nóvoa, Luciano Cid, Juan M. Paz Nóvoa, Heraclio Pérez Placer e Emilio Castelar, entre outros. De corte progresista e republicano, próximo á Unión Republicana, neste xornal tivo unha influencia decisiva o poeta Alberto García Ferreiro. Incluía poesía e prosa, entre a que destaca o libro de Álvarez de Nóvoa Beira o Barbaña (Paisaxes). Ademais, dedicou unha monografía a Concepción Arenal na redacción da que participaron persoeiros, como Alfredo Brañas, Andrés Martínez Salazar, Aurelio Ribalta, Uxío Montero Ríos ou Eladio Rodríguez. Difundiuse por toda Galicia, Cuba, Puerto Rico e Filipinas.