desarmamento
(
-
s
m
Acción e efecto de desarmar ou desarmarse.
-
s
m
[POLÍT]
Limitación ou supresión do armamento bélico susceptible de se utilizar nun conflito internacional. Esta idea formulouse por primeira vez na Conferencia da Haia (1899) pero só a finais da Primeira Guerra Mundial foi autenticamente obxecto de negociacións internacionais, que se plasmaron en acordos da Sociedade de Nacións. Estes intentos de negociación fracasaron a partir da chegada de Hitler ao poder en Alemaña en 1933, xa que practicou unha política de rearmamento que non puido ser controlada polo resto dos estados. A crise de Cuba en 1962 implicou a necesidade de celebrar acordos sectoriais de desarmamento entre dúas superpotencias, que acadaron máis control sobre as armas nucleares pero non a súa completa prohibición. En 1963 os EE UU e a URSS asinaron un tratado de prohibición de probas nucleares na atmosfera aprobado polas Nacións Unidas (1968). Os principais acordos asinados posteriormente son o tratado sobre a non-militarización do espazo (1967), o Tratado de Non-Proliferación (TNP, 1970), a Convención sobre Armas Biolóxicas (1972), o tratado SALT I (1972), o Tratado sobre Explosións Nucleares Pacíficas (1976), a Convención sobre Modificación do Medio (1977), o tratado SALT II (1979) e a Convención sobre Prohibicións e Restricións no Uso de Certas Armas Convencionais (1981). Coa chegada de M. Gorbačov ao poder na Unión Soviética (1985) produciuse unha reactivación das negociacións. En 1987 asinouse en Washington o Tratado de Forzas Nucleares de Alcance Intermedio (INF) para a eliminación total das armas nucleares de medio alcance, e en 1991 o START I, polo que os EE UU e a URSS acordaron reducir nun 30% o arsenal atómico dos dous países. A Unión Soviética comprometeuse a reconverter á produción civil un bo número de industrias militares, mentres que a estrutura militar do Pacto de Varsovia se disolvía en 1991. En xaneiro de 1993 asinouse o START II que implicaba o desmantelamento de dúas terceiras partes do arsenal nuclear. En maio de 1995 prorrogouse en Nova York indefinidamente o TNP que en xuño de 1997 asinaron 186 países.