Descartes, René du Perron

Descartes, René du Perron

Filósofo e científico francés. Coñecido tamén co nome latinizado de Renatus Cartesius, considérase o pai da filosofía moderna. Graduouse en Dereito pola Universidade de Poitiers (1616) e, máis tarde, alistouse nos exércitos de Mauricio de Nassau (1618) e do duque de Baviera (1619). Despois dun longo período de viaxes, residiu en París (1625-1628), Holanda (1628-1649) e Estocolmo. As matemáticas proporcionáronlle a experiencia dun coñecemento fundamental do que non se pode dubidar e a evidencia das ideas claras e distintas suxeríronlle a idea dun método universal. A obra de Descartes ten un comezo radical coa dúbida metódica, dúbida que se detén na certeza do propio pensamento, a partir da que pasa á afirmación da propia existencia (cogito, ergo sum), da existencia de Deus e da existencia do mundo exterior. Descartes influíu no desenvolvemento do racionalismo clásico e, en xeral, no descubrimento cartesiano da subxectividade e na orixe de toda a metafísica moderna. A moral de Descartes toma a forma dunha certa sabedoría de tendencia estoica. Como científico universal achegou á matemática a creación da xeometría analítica, construíu a primeira teoría mecánica xeral do Universo, formulou con nitidez o principio de inercia e descubriu a lei da refracción da luz. Estendeu tamén o mecanicismo ao campo da bioloxía e da fisioloxía humana, e privou a alma de calquera fundamento vital. A súa física, máis dedutiva ca experimental, é, en definitiva, unha física metafísica que minimiza o papel da experiencia, coñecida co nome de cartesianismo. As súas obras principais son: Discours de la méthode pour bien conduire la raison et chercher la vérité dans les sciences, plus la Dioptrique, les Méteores, et la Géometrie qui sont des essais de cette méthode (Discurso do método para conducir ben a razón e buscar a verdade nas ciencias acompañado da Dióptrica, os Meteoros e a Xeometría que son os ensaios deste método, 1637); as Meditationes de prima philosophia (Meditacións da primeira filosofía, 1641); os Principia philosophiae, (Principios de filosofía, 1644); e Les passions de l’âme (As paixóns da alma, 1649). Son de publicación póstuma as Regulae ad directionem ingenii (1701); Le monde ou Traité de la lumière (O mundo ou Tratado da luz, 1664); Traité de l’homme et de la formation du foetus (Tratado do home e da formación do feto, 1664); e La recherche de la vérité par la lumière naturelle (A investigación da verdade pola luz natural, 1701).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : La Haye, actual La Haye

  • Deceso

    Lugar : Descartes, Touraine

  • Deceso

    Lugar : Estocolmo