Deseño Curricular Base
Deseño curricular que constitúe o primeiro nivel de concreción da proposta educativa. Nel recóllense en termos moi xerais un conxunto de prescricións, suxestións e orientacións sobre a intencionalidade da educación escolar e sobre as estratexias pedagóxicas máis adecuadas para esa intencionalidade. É unha proposta aberta e flexible que debe facilitar unha ampla gama de adaptacións e concrecións. A súa elaboración é competencia do ministerio de Educación e Ciencia e ten carácter normativo para os centros. Este primeiro nivel de concreción debe completarse coas propostas das comunidades autónomas que teñen competencias no ámbito educativo. Nun segundo nivel de concreción, os equipos docentes dos centros escolares contextualizarán e pormenorizarán os obxectivos e contidos que o DCB propón, así como os medios para acadalos, adecuándoos á súa realidade. As decisións tomadas constituirán o Proxecto Curricular de Centro que forma parte do Proxecto Educativo, responsabilidade dos centros educativos; estas deben garantir a adecuada progresión e coherencia no ensino dos contidos escolares da etapa á que se refire o proxecto. As decisións que se toman no Proxecto Curricular de Centro son o marco de referencia para o terceiro nivel de concreción: as programacións, nas que se recollen os distintos acordos tomados no centro relativos aos obxectivos de ciclo. O DCB está composto polos seguintes elementos: obxectivos xerais de etapa; definición das áreas nas que se van organizar os distintos ámbitos de coñecemento; obxectivos xerais de área; grandes bloques de contido nos que se recollen os feitos, conceptos, procedementos, valores e actitudes; e orientacións didácticas para a avaliación. Os seus principios psicopedagóxicos enmárcanse nunha concepción construtivista da aprendizaxe escolar e da intervención pedagóxica entendida en sentido amplo, que recolle enfoques pertencentes a distintos marcos teóricos. En España, coma noutros países europeos, desde a promulgación da Lei Orgánica de Ordenación Xeral do Sistema Educativo (LOXSE, 1990), constitúe unha parte fundamental na organización e estruturación do sistema educativo.