deseño

deseño

(

  1. s m
    1. Representación gráfica dun obxecto anterior á súa realización, normalmente feita mediante liñas e cun fin artístico ou comercial que permite dar unha idea de cómo será en realidade.

      Ex: Fixo un deseño moi orixinal para a portada do disco.

      Confrontacións: debuxo, esbozo, proxecto.
    2. Forma ou aspecto das cousas deseñadas.

      Ex: O deseño deste vestido é totalmente anovador.

    3. Actividade encamiñada a conseguir a produción en serie de obxectos útiles e belos. Coa Revolución Industrial, os novos produtos intentaron disimular a súa orixe mecánica cunha ornamentación desmesurada. O movemento inglés Arts and Crafts, liderado por William Morris, foi o pioneiro na procura dunha linguaxe formal adecuada aos novos procesos de fabricación. Tralo modernismo, as afirmacións de Louis H. Sullivan sobre a subordinación da forma á función abriron un novo camiño no proceso creador do produto industrial. Hendrik van de Velde, Peter Behrens e Adolf Loos, entre outros, propiciaron o nacemento do deseño industrial. Van de Velde fundou en Bruxelas os Ateliers d’Art Industriel e creou e dirixiu en Weimar unha escola pioneira na creación do deseño industrial, a Die Kunstgewerbeschule; Walter Gropius, o seu sucesor, uniuna á Academia de Arte e fundou a Bauhaus, onde se favoreceu a colaboración permanente entre a arte e a industria, e na que se formaron profesionais especializados no deseño industrial. Dende entón, as colaboracións entre arquitectos e profesionais da arte coa industria é constante.

  2. s m

    Programación ideal ou descrición verbal dunha cousa.

    Ex: Faremos un deseño dos actos para o próximo curso. O partido realizou un deseño dos plans da súa política interior.

  3. deseño animado [IMAX]

    Película realizada coa filmación e proxección de representacións gráficas.

  4. deseño curricular [EDUC]

    Proxecto que recolle as intencións e o plan de acción dun determinado currículo ou programa escolar completo, ou mesmo o esquema específico dunha determinada acción didáctica (obxectivos, contidos, procedementos, metodoloxía, criterios de avaliación, etc).

  5. deseño editorial [LIT]

    Organización tipográfica dun texto. É habitual que as obras literarias se dividan en unidades menores como o poema ou as estrofas, no caso de obras poéticas; capítulos, secuencias ou parágrafos, na narrativa; escenas ou actos, no teatro, que á súa vez, poden ir encabezadas por un número ou un título que as identifique. Trátase dun elemento construtivo importante no estudo dun texto, na medida que a súa forma externa condiciona a comprensión do mesmo. Deste xeito, no eido da narrativa constitúe un factor determinante no ritmo dun relato, posto que un cambio de capítulo, por exemplo, co conseguinte branco tipográfico pode marcar un cambio na perspectiva do narrador ou mesmo unha elipse na sucesión dos acontecementos narrados.

  6. deseño gráfico

    grafismo.

  7. deseño por ordenador [INFORM]

    Sistema de deseño para produtos ou instalacións industriais que se basea no perfeccionamento dunha primeira forma elemental por medio dun sistema interactivo de natureza informática. Un certo número de formas básicas e todas as pezas anteriormente deseñadas polo sistema almacénanse e póñense a disposición do deseñador, quen lle dá a forma conveniente, visualízaa por unha pantalla gráfica ou ben debúxaa mediante trazos. Un sistema DAO (tamén coñecido polo anacronismo inglés CAD: Computer-Aided Design) está constituído por un ordenador convencional, normalmente dotado cun sistema de almacenamento de datos de gran capacidade, e un conxunto de periféricos concibidos e especializados para realizar representacións gráficas. A táboa dixitalizadora é unha ferramenta de pequenas dimensións que serve para apoiar o lapis enriba, especifica puntos correspondentes á pantalla ou ben selecciona funcións do programa de deseño. Os resultados en forma dixital rexístranse nunha cinta de papel perforado, que servirán para a ulterior fabricación do produto, etapa que recibe o nome de fabricación con axuda de ordenador (FAO); o conxunto dos dous coñécese coma DAO/FAO ou polo anacrónimo inglés CAD/CAM (Computer-Aided Design/Computer-Aided Manufacturing).

  8. deseño teatral [ESPECT]

    Organización global dos distintos elementos que interveñen nun espectáculo teatral. É o mesmo campo de prácticas artísticas no que se sitúa a arquitectura, da que depende a construción dos espacios escénicos en toda a súa diversidade de posibilidades e as denominadas artes aplicadas á posta en escena, entre as que destacan a escenografía, o vestiario, a maquillaxe, a iluminación, a música, a sonorización e outras artes auxiliares como vídeo, televisión ou proxeccións fotográficas e holográficas. Con independencia das diferencias existentes entre as tradicións teatrais, existen dúas tendencias básicas: aquela que procura a reprodución da realidade e que configura unha liña realista, e a que renuncia a crear a ilusión escénica insistindo no carácter convencional da representación, feito que desemboca nunha posta en escena non figurativa. Á hora de crear o mundo dramático onde se desenvolve a acción pódense considerar tres estilos fundamentais. O primeiro, propio da tradición teatral ateniense, romana, do teatro isabelino inglés ou das tradicións india, chinesa ou xaponesa, non transforma o espazo escénico e parte do aproveitamento dos elementos permanentes da escena como arcos, portas e escaleiras que manteñen sempre a súa aparencia con independencia do espectáculo que se represente, de xeito que os elementos desde os que se constrúe a ficionalidade dramática son outros, como a maquillaxe ou o vestiario, tal e como acontece na tradición oriental. O segundo modelo propón a transformación do espazo escénico a partir dos decorados pintados e traballa desde a perspectiva de dúas dimensións; mentres, o terceiro modelo explora todas as posibilidades de transformación do espazo escénico para construír mundos dramáticos en tres dimensións, ben desde unha liña naturalista, ben desde a perspectiva da abstracción absoluta. Fronte ás propostas do teatro naturalista, que procuraba reproducir na escena con total fidelidade os mundos dramáticos nos que transcorría a acción, desde finais do s XIX e durante todo o s XX desenvolvéronse diferentes correntes e tendencias que asignan diferentes funcións ao deseño teatral, desde as propostas de Richard Wagner, continuadas a finais do s XX por Robert Wilson, na procura dun teatro total no que todos os elementos de significación se integran nunha proposta unificadora e globalizadora e na que tanta importancia teñen as novas tecnoloxías, ata aquelas investigacións que procuran as verdadeiras esencias do teatro, como o teatro pobre de Jerzy Grotowski, e só utilizan elementos indispensables como un vestiario mínimo, unha escasa maquillaxe e a iluminación básica. Finalmente, neste terreo de creación artística tamén hai que situar o deseño de carteis, programas e outros elementos vinculados coa actividade teatral, que normalmente son responsabilidade do creador da escenografía. Campo, este último, amplo e diversificado no que cómpre salientar o traballo realizado en Galicia por Camilo Díaz Baliño, Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo, Xosé Díaz, Julia Brens, Antonio Simón, Carlos Alonso, Iago Seara, Jesús Díaz, Paco Conesa, Baltasar Patiño e Marcelino de Santiago Kukas.

  9. deseño trocado [ARTE]

    Deseño realizado por elementos idénticos entrelazados que se diferencian pola cor ou textura diferentes.