desindustrialización
(
Transformación da estrutura ecónomica dunha área concreta, onde o sector industrial representaba previamente unha gran porcentaxe na produción e na distribución da poboación ocupada. Este cambio pode enmarcarse dentro dun proceso de desenvolvemento ou, polo contrario, pode ser consecuencia dunha grave crise. No primeiro caso, débese ao traslado das instalacións industriais cara a outras localizacións con condicións máis favorables para o desenvolvemento das actividades (solo máis barato, mellores comunicacións cos mercados e cos provedores de materias primas ou marco fiscal e lexislativo máis propicio), pero os centros de decisión mantéñense na área de orixe, que experimenta unha terciarización da súa economía. No segundo caso, a desindustrialización pode ser resultado dunha perda de competitividade que finalmente derive na inviabilidade das actividades industriais instaladas nesa área, de xeito que se xeran un conxunto de problemas sociais e económicos que poden levar ao declive dos centros nos que se localizan.