desinencia

desinencia

(< lat desĭnentĭa,p pres de desinĕre ‘acabar, rematar’)

s f [LING]

Unidade gramatical que se coloca ao final dos temas na declinación e na conxugación. As variacións que implica o uso das desinencias están motivadas pola necesidade de sinalar o xénero, o número e o caso (desinencia casual) nos substantivos e adxectivos, e todas as posibles categorías gramaticais propias do verbo: persoa, número, tempo, modo, voz e aspecto (desinencia verbal ou persoal). Por exemplo, en galego o plural indícase por medio da desinencia -s, o copretérito, por medio da desinencia -aba ou -ia, etc. As desinencias, ademais, empréganse na lingua para facilitar as funcións de interrelación e interdependencia entre as palabras dunha mesma frase; por exemplo, o -s engadido a un substantivo e o -n engadido a un tema verbal (os pícaros xogan) indican a correlación entre os elementos de número plural.