despertar das amantes, O
Poemario publicado por María Xosé Queizán en 1993 comprometido coa causa feminista, no que desenvolve unha reflexión sobre o poder da palabra e tenta construír un eu lírico feminino a partir da rebelión e da ruptura coas formas e valores establecidos polo home. A primeira parte, titulada “Despertar das amantes”, está formada por poemas amorosos dirixidos a outra muller. Son os máis intimistas, anecdóticos e reveladores da vivencia persoal. A medida que avanzan os poemas, o encontro erótico entre dous corpos femininos vai perdendo a súa condición de experiencia individual para converterse nun discurso máis abstracto e xeneralizador. Así, as dúas amantes que espertan xuntas pola mañá son dúas mulleres concretas que comezan xuntas un novo día. O despertar é tamén un acto simbólico: a muller libérase dos valores impostos tradicionalmente polo home e revélase como creadora dunha nova realidade solidaria. A segunda parte, “Escrita”, constitúe unha poética ao redor do xogo erótico que implica o acto creador. Defende a escrita feminina como expresión corpórea e material xurdida da relación erótica entre a palabra e o corpo, fronte á relación que a tradición establece entre espírito e creación. A última parte, “Tempo”, supón unha chamada á rebelión contra a memoria histórica, isto é, o rexeitamento do tempo do falso progreso establecido polo home, do tempo opresivo que pecha a muller na casa. A voz feminina, sincera, directa, expresiva e concienciada ideoloxicamente renova os elementos da expresión literaria: as metáforas adquiren novos significados, o eu lírico oscila entre a primeira persoa, cando procura o ton testemuñal, e a terceira, cando une a súa chamada á mobilización do colectivo feminino.