Deucalión

Deucalión

Fillo de Prometeo e Clímene. Cando Zeus decidiu destruír a raza dos mortais, os homes da Idade de Bronce, envioulles un diluvio para que afogasen. Entón Deucalión e a súa esposa Pirra, aconsellados por Prometeo, construíron unha barca e refuxiáronse nela. Ao cabo de nove días chegaron a Tesalia; por seren xustos conseguiran sobrevivir á desfeita. Daquela, Zeus, por mediación de Hermes, ofreceulles a oportunidade de pedir un desexo. Como Deucalión quería ter compañeiros, Zeus ordenoulles que botasen pedras (símbolo dos ósos da nai Terra) por enriba dos seus ombreiros; deste xeito, todos os callaos que botou o heroe transformáronse en homes e de cada rocha que guindou Pirra naceron as mulleres.