Deutscher Werkbund

Deutscher Werkbund
Nome científico: [Asociación Gremial Alemana]

Institución fundada no ano 1907 polo arquitecto Hermann Muthesius (1861-1927) en Múnic. Uniu a artesáns, arquitectos e deseñadores coa finalidade de mellorar o deseño e a calidade dos produtos industriais. Inspirouse no Arts and Crafts de William Morris, aínda que aceptou o maquinismo como un feito irreversible e serviuse del. No seu interior existiron dúas faccións: unha liderada por Muthesius e P. Behrens que propuña o maior uso da produción industrial e a estandarización do deseño, e outra dirixida por H. van de Velde, defensora da expresión artística individual. Na reunión anual de 1914, celebrada en Colonia e na que participou W. Gropius, optouse pola primeira. Á súa imaxe xurdiron, entre outras, as institucións Österreichister Werkbund en Austria (1912), Slöjdsforening en Suecia (1913), Comité Central des Arts Appliquées en Francia (1916), Design and Industries Association en Inglaterra (1917) e Schweirezischer Werkbund en Suíza (1923). Trala paréntese provocada pola Primeira Guerra Mundial, en 1927 tivo lugar unha exposición sobre proxectos de vivendas en Stuttgart organizada por M. van der Rohe. Disolta en 1933, rexurdiu trala Segunda Guerra Mundial.