Diario 16

Diario 16

Diario de información xeral fundado en Madrid o 16 de outubro 1976 polo Grupo 16. Trátase dunha das publicacións máis destacadas e emblemáticas da transición española. Dirixírono Ricardo Utrilla, Miguel Ángel Aguilar, Pedro J. Ramírez (1980-1989), Enrique Badía (1989-1990), Justino Sinova (1990-1992), José Luis Gutiérrez (1992-1996), Juan Tomás de Salas, Alfredo Vara (1998), Iñaki Torres (1998-1999), Luis Ventoso (1999-2001), Ángel García (2001) e Enrique Clemente (2001). Nos anos noventa mantiña unha tiraxe media de 60.000 exemplares, que descendeu ata os 24.700 no ano 2001. A partir de 1989, baixo a dirección de Enrique Badía lanzou as cabeceiras Diario 16 de Galicia e Diario 16 de Burgos. A elas sumáronse Diario 16 Castilla-La Mancha, Diario 16 Andalucía, Diario 16 Aragón, Diario 16 Valencia, Diario 16 Málaga e Diario 16 Murcia. Despois dunha pequena crise, á que se engadiu a dimisión do seu director provisional Juan Tomás de Salas, comezou unha nova etapa de edición o 5 de maio de 1998, trala súa adquisición en poxa pública polo Grupo Voz. Baixo o selo de Ediciones Periodísticas S L e coordinado por Armando Fernández-Xesta, conselleiro editorial do Grupo Voz, contaba cunha redacción composta por máis de 50 xornalistas. Esta nova edición apostou pola compoñente visual da información, con numerosas fotografías en cor e infografía de vangarda, baixo a dirección de Luis Ventoso. Malia o plan de viabilidade deseñado polos xornalistas Fernando González Urbaneja e Enrique Badía, e despois de acumular unhas perdas que superaban os 30 millóns de euros, esta nova xeira rematou co seu peche definitivo o 7 de novembro de 2001.