Diario Español, El
Publicación de periodicidade mensual editada en Montevideo a partir de xaneiro de 1979. Subtitulada “Suplemento Gallego”, coordinouna Miguel Vázquez Valiño e contou coa colaboración de Manuel Oreste, Antón Crestar, Juan Gallego, Carlos Zubillaga, Antón Breogán, Eduardo Iglesias, Xosé Mª Monterroso e Carlos Casares. Incluíu artigos sobre a cultura e a literatura galega, ademais de referencias a autores como Castelao, Rosalía de Castro, Alfredo Brañas, Eduardo Pondal, Vicente Risco, Suárez Picallo e Xosé Castro Chané. Inseriu tamén poesía de Curros Enríquez (“A campana de Anllóns”), Francisco Añón (“A Galicia”) e Ramón Cabanillas (“A rosa que sangra”), acompañada de textos literarios de Antón Villar Ponte, Manuel Murguía, Xoán V. Viqueira e Otero Pedrayo.