Diario Vasco, El

Diario Vasco, El

Diario en castelán de información xeral publicado en Donostia desde 1934 pola Sociedad Vascongada de Publicaciones. Decano da prensa donostiarra, co tempo pasou a formar parte do Grupo Correo de comunicación no que están integrados, entre outros xornais, El Correo Español-El Pueblo Vasco e El Diario Montañés. En 1985 posuía unha tiraxe media de 88.000 exemplares e a finais do ano 2000 superaba os 107.000, cunhas vendas que se achegaban aos 95.000. Dirixido por Gabriel Mújika, distribúe seis suplementos e presenta nove edicións: Alto Deba, Alto Urola, Bajo Deba, Bidasoa, Comarca, Costa Urola, Pasajes Rentería, San Sebastián e Tolosa Goierri. No eido da comunicación dispón de diversos soportes, entre eles, a televisión local Teledonosti, unha emisora ligada á Cadena Cope, dezaseis publicacións gratuítas e un portal en Internet. En setembro de 2001 o Grupo Correo e Prensa Española lograron un acordo para a súa fusión, co que se constituíu un dos máis destacados grupos de comunicación en España.