Díaz, Fernán

Díaz, Fernán

Bordador. Activo entre 1551 e 1569. Mestre bordador da catedral de Santiago ata 1557, foi o principal especialista desta disciplina na Galicia do seu tempo. Nas súas obras predominou o uso do fío de ouro e as ricas teas toledanas de raso e seda. En 1541 realizou para a confraría da Concepción da catedral un pano fúnebre de veludo negro, decorado coas imaxes de Santiago e de Nosa Señora bordadas en fío de ouro. Nese mesmo ano bordou para a freguesía de San Bertomeu de Pontevedra unha capa litúrxica, adornada cunha representación da ascensión da Virxe, Deus Pai, Cristo resucitado e varios santos. En 1544 elaborou para a confraría do Corpo Santo do gremio de mareantes de Pontevedra diversas pezas de vestiario litúrxico. En 1551 confeccionou por encargo da confraría do Santísimo Sacramento do mosteiro de San Pedro de Soandres (Laracha) un palio de seda carmesí. Para a vara da cruz procesional da capela de San Xoán Apóstolo da catedral de Santiago elaborou dúas mangas de brocado carmesí bordado (1553 e 1561). Realizou tamén o palio co que o cabido de Santiago recibiu o futuro Filipe II en 1554. En 1564 foi recluído no cárcere por incumprir co encargo dun pano frontal para o oratorio do concello. En 1569 o concello de Vigo encargoulle a reparación dos ornamentos da colexiata de Santa María.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Santiago de Compostela