Díaz Arias de Castro, Xosé
Deseñador gráfico e pintor, fillo de Isaac Díaz Pardo. Ten o título de deseñador gráfico profesional expedido polo Bureau of European Designers Associations (BEDA). Abandonou os estudios de filosofía e letras para dedicarse ao deseño. Durante a súa estancia no Grupo Sargadelos, foi secretario do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, director de sistemas de comunicación do Seminario de Sargadelos e director artístico de Ediciós do Castro. Colaborou con diversas compañías teatrais, e así en 1973 deseñou o vestiario do Entremés famoso sobre da pesca do río Miño, de Gabriel Feijoo de Araújo, para Teatro Circo. Foi tamén deseñador da escenografía de A noite vai coma un río, de Álvaro Cunqueiro, na montaxe da Escola Dramática Galega en 1979. A súa obra pictórica caracterizouse pola composición xeométrica e esquemática que foi definida como construtivista, e pola investigación plástica que realizou no plano, coordinando e enfrontando formas e cores unidos a unha síntese formal, na que a austeridade é unha parte fundamental. En 1986 fundou o Grupo ReVisión Deseño SL, especializado nos problemas derivados de identidade visual de empresas e institucións, na imaxe de produto, no deseño editorial e na montaxe de exposicións. Alí realizou, entre outras, a imaxe corporativa da Universidade da Coruña, de La Voz de Galicia, do Porto de Vigo, do Consello de Cultura Galega e do V Centenario da Universidade de Santiago de Compostela. Fixo, entre outras, as montaxes das exposicións Galicia e América, Arquitecturas Recentes e Xesús Campos. Unha visión aguda e vertixinosa de Galicia, da que foi comisario (1993). En 1995 fundou Imago Mundi Deseño SL, onde realizou, entre outras, as identidades corporativas do Teatro Rosalía de Castro, do Instituto Galego de Medicina Técnica da Xunta de Galicia e do Museo Emilia Pardo Bazán, e onde traballou en diversos proxectos editoriais. Dirixiu o congreso Garda-las formas: Un achegamento ao deseño no remate do s XX (Universidade de Santiago de Compostela, 1993) e o encontro Deseño: identidade-diversidade (Universidad Internacional Menéndez Pelayo, 2001). A súa obra mostrouse no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía e no Design Museum de Londres. Colaborou, entre outras publicacións, en Dorna, A Nosa Terra e On Diseño. Realizou exposicións pitóricas individuais, entre outras cidades, na Coruña, Vigo, Santander e Barcelona; ademais participou en múltiples mostras colectivas. Foi coautor de 4 notas sobre Luís Seoane: cun apéndice fotográfico (1978), Isaac Díaz Pardo: un proxecto socio-cultural para Galicia (1990), Luís Seoane: algo máis que un artífice da moderna gráfica galega (1994) e Arte/Industria: Isaac Díaz Pardo (2001). Escribiu, entre outras obras, O escultor Alberto (1975) e Luís Seoane: a forxa da modernidade (1994). Foi un dos promotores da Fundación Luís Seoane da que tamén foi director (1996-1998). Pertence, entre outros organismos, á Asociación Española de Profesionais do Deseño (AEPD) e ao relatorio de artes plásticas do Consello da Cultura Galega. Recibiu o Premio de Pintura Cidade da Coruña (1980) e o Premio de Deseño Ateneo de Ourense (1987).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Coruña