Díaz Baliño, Camilo Boaventura
Pintor, ilustrador, cartelista, escenógrafo, muralista, decorador, poeta e escritor. Irmán de Dolores, Indalecio e Ramiro Díaz Baliño e pai de Isaac Díaz Pardo, viviu na Coruña e en 1905, pensionado pola Deputación da Coruña, trasladouse a Madrid, pero ao non chegar a axuda prometida traballou nun taller de escenografía e regresou á Coruña onde ingresou na Escola de Artes e Oficios. En 1908 fixo unha nova viaxe a Madrid e, contratado polo ministerio de Gracia e Xustiza, estudiou escenografía. Traballou coa compañía lírica de Vives, Lleó y Güell e viaxou por España e Europa. En 1909 presentouse á Exposición Regional de Santiago de Compostela cuns bosquexos escenográficos cos que acadou a Medalla de Ouro. Foi delineante interino de obras provinciais da Deputación da Coruña (1910-1920). En 1916 iniciou a súa relación profesional con Isaac Fraga e en 1920 trasladouse a Santiago de Compostela onde estableceu o taller de escenografía da Empresa de Espectáculos Fraga (1920-1924) coa que se trasladou a Madrid entre 1922 e 1924. Deseñou os carteis de espectáculos como O fidalgo (1918), e participou na escenografía de A man de santiña (1919), San Antón o casamenteiro (1920), La casa de la Troya (1920), Rosiña (1921), Bodas de ouro (1921), Trebón (1922), Lubicán (1924), O mariscal (1935), Ultreya (1935) ou Monte das ánimas (1935). Traballou de escenógrafo no Patronato Católico de Obreros na Coruña na ópera Terra e na zarzuela O traxe misterioso (1907), e nos decorados, xunto co seu irmán Indalecio, das pezas El payo de la carta (1914) e Robo en despoblado (1914). Foi tamén autor de decorados para a Coral de Ruada, da que foi director artístico. En 1925 ingresou no concello de Santiago como delineante interino e en 1925 obtivo o posto en propiedade. Dende o seu domicilio e o seu obradoiro, a casa da Tumbona da rúa das Hortas, realizou carteis propagandísticos e decorados teatrais e cinematográficos, ademais de carteis doutro tipo, como os da propaganda da campaña de África. O seu obradoiro foi un dos focos de reunión do galeguismo dos anos vinte e trinta. Na Coruña pertenceu ás Irmandades da Fala pero en Santiago acrecentou a súa implicación co nacionalismo galego. En 1922 elixírono conselleiro primeiro da Irmandade Nazonalista Galega de Santiago e en 1930 delegado en Santiago da Irmandade da Fala da Coruña. Foi tamén profesor nas Escolas Populares Gratuítas (1923), na Academia Gelmírez (1924) e na Sociedad Económica de Amigos del País (1925). Dende o seu posto no concello, estivo encargado da organización das festas do Apóstolo, feito que incluía a realización dos carteis, das carrozas e dos desfiles das mesmas. Organizou a Gran Cabalgata Histórico-Descriptiva de Galicia (1926) e deseñou, entre outras cousas, o pendón e a insignia do concello (1928). Realizou o primeiro cartel das festas do Apóstolo en 1924 e despois deseñou os das festas de 1926 ata 1936, agás o de 1931, ano no que viaxou a América como escenógrafo e director artístico do Coro de Ruada. Prescindiu de toda influencia das vangardas europeas para centrar o seu interese na estética de finais do s XIX ligada ao modernismo e ás escolas de artes e oficios. Os seus carteis caracterizáronse polos motivos sinxelos, que dispuña a gran tamaño xunto a lendas de tipografía medieval, románica e gótica. Nos carteis composteláns, mostrou un interese especial polo pasado épico de Galicia no que se vinculan a relixión coas lendas. Compuxo escenas alegóricas a partir dunha iconografía que xira ao redor da tradición xacobea, entre outros, debuxou peregrinos, cabaleiros, a vía láctea, a catedral e a cruz de Santiago. Incorporou tamén outros elementos, como o escudo do reino de Galicia. Realizou tamén carteis de carácter cultural, como o da Coral de Ruada (1931) e comercial, como os realizados para a empresa Fraga entre os que destaca o seu logotipo, o do Laxante Bescansa e anuncios en prensa de automóbiles. Para o pavillón galego da exposición Iberoamericana de 1929 realizou o cartel O Cebreiro no que empregou as cores azul e branca da bandeira galega nun escenario da historia épica e lendaria galega. O seu compromiso político coa causa galeguista levouno a realizar un dos carteis en favor da aprobación do Estatuto de Galicia de 1936. Dentro do seu estilo lírico-literario, representou unha muller tocada e coroada por unha estrela que porta nas mans unha roda do progreso e unha póla de olivo co texto “Estatuto de Galicia, sí”. Este e outros carteis realizados por Castelao, imprimíronse no seu obradoiro compostelán. Fixo tamén a portada do folleto do Estatuto de Autonomía na que incluíu os símbolos galegos: a bandeira, o escudo e a cruz de Santiago. Realizou os murais do café Español de Santiago, da capela da Misericordia de Viveiro, nos que reflectiu a vida de Constanza de Castro, filla de Pardo de Cela, e os da radio conservados na Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, da que foi un dos seus impulsores. Participou entre outras mostras na Tercera Exposición de Arte Gallega da Coruña de 1923 coas obras O cabaleiro do Santo Grial e Céltiga e na Exposición de Arte Gallego de Santiago de Compostela de 1926. Realizou ilustracións, entre outras publicacións, para A Nosa Terra, Vida Gallega, El despertar gallego, Ser, Galicia ou Terra Galega. Escribiu Conto de Guerra (1928), obra da que tamén fixo as ilustracións, e poemas para A Nosa Terra. Fixo tamén as presentacións das coleccións literarias de, entre outras, Lar e Céltiga e colaborou coa editorial Nós, que tiña a súa sede dende 1931 na súa casa. Colaborou no Boletín del Círculo Católico de Obreros de Ferrol e no Seminario de Estudios Galegos, foi director e deseñador do semanario Luz e redactor artístico de El Eco de Galicia. En 1936 foi directivo de Ultreya e colobarou con Ánxel Casal, elixido alcalde de Santiago pola xestora da Fronte Popular. A finais de xullo foi detido e no cárcere realizou os seus últimos debuxos nos que retratou os seus compañeiros presos xunto cunha nota biográfica. Foi asasinado na madrugada do 13 ao 14 de xullo.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Ferrol -
Deceso
Lugar : Coence