Díaz Baliño, Indalecio
Escultor, irmán de Camilo, Dolores e Ramiro Díaz Baliño. Formouse na Escola de Artes e Oficios da Coruña da que, posteriormente, foi profesor de modelado e director. En 1915 recibiu unha bolsa da Deputación da Coruña para ampliar estudios na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando de Madrid. Foi delineante maior de vías e obras da deputación coruñesa dende 1920. Realizou obras de temática galega, entre as que destacan O cego, O rezo, Devotiña, A volta da sega e No sermón. Fixo tamén o busto de Xosé Calvo Sotelo para a Deputación da Coruña, o Sagrado Corazón de Cesuras e participou na decoración, entre outros edificios, do Hotel Finisterre e do Banco de La Coruña e do antigo Teatro García Barbón de Vigo. En 1932 participou nos festexos de celebración do primeiro aniversario da Segunda República coa realización de diversas obras. Dende 1912 participou en numerosas exposicións de arte galega, entre as que destacan a Primera Exposición de Arte Gallega celebrada en Bos Aires en 1929 e a Gran Exposición Regional de Bellas Artes y Artes Decorativas organizada pola Real Sociedad Económica de Amigos del País en Santiago de Compostela en 1941. Colaborou co seu irmán Camilo na realización de escenografías, entre as que destacan os decorados feitos para o Patronato Católico de Obreros da Coruña. Viaxou cos seus alumnos á Exposición Internacional de Barcelona e Ibero-Americana de Sevilla (1929) e publicou na prensa unha Memoria. Recibiu, entre outros galardóns, un premio honorífico na exposición Arte Industrial do Padroado Obreiro (1912), diversos premios de mérito por oposición (1912-1915), un galardón na Exposición Muestrario y Feria da Coruña (1919) e o diploma de honra do II Certamen de Galicia (1935). Foi un dos fundadores da Asociación de Artistas da Coruña (1934) e correspondente (1946) e numerario (1948) da Real Academia de Bellas Artes Nuestra Señora del Rosario.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Ferrol -
Deceso
Lugar : A Coruña