Díaz Corvelle, Nicomedes-Pastor
Político e escritor. Fillo dun oficial do corpo administativo da Armada, fixo os seus primeiros estudios no colexio da Natividade de Viveiro e despois estudiou filosofía no seminario de Santa Catarina de Mondoñedo. Comezou os estudios de dereito na Universidade de Santiago de Compostela e rematounos na Universidad de Alcalá de Henares en 1833. Protexido por figuras relevantes da política e da cultura, entre eles o galego Manuel Fernández Varela, comisario xeral de Cruzada, o xeneral Latre, capitán xeneral interino de Galicia, os escritores Quintana, Donoso Cortés, Espronceda, Larra, Pacheco e Estébanez Calderón, comezou unha carreira literaria e política que o levou a acadar gran sona nos medios románticos e a desempeñar diferentes cargos. Foi secretario do goberno político de Santander (1836), xefe político (gobernador civil) de Segovia (1838) e de Cáceres, onde tamén ocupou a intendencia (1839), e maxistrado na Audiencia de Valladolid. Tralo pronunciamento de 1840, viaxou a València para ofrecer os seus servicios á Raíña María Cristina coa intención de procurar a constitución dun goberno popular, feito que o levou dous meses á cadea. Elixido deputado pola Coruña (1843), apoiou a declaración da maioría de idade de Isabel II. Posteriormente, foi deputado por Cáceres, Navalmoral de la Mata e Pozoblanco, e ministro de Comercio, Instrución e Obras Públicas (1847). Permaneceu afastado da vida política e exerceu como secretario do Banco de Isabel II. Retornou á vida política en 1856 como membro da Unión Liberal e foi conselleiro de Estado, ministro de Estado, senador do Reino (1858), embaixador español en Turín e Lisboa, e ministro de Gracia e Xustiza ata que en 1862 renunciou ao cargo. Compaxinou a súa actividade política co exercicio do xornalismo en distintos medios, como El Siglo, El Español, El Correo Nacional, La Abeja e El Artista, entre outros, e fundou publicacións como El Conservador, revista política e literaria, El Sol e El Heraldo. Nestes xornais publicou boa parte dos seus poemas, como “A la luna”, en El Artista, ou “Mariposa negra”, en La Abeja. Ademais, participou nos principais cenáculos literarios da capital. Destacado orador, en 1835 colaborou na fundación do Ateneo de Madrid e en 1848 nomeárono reitor da Universidad de Madrid. Da súa produción destacan obras narrativas, poéticas e ensaios históricos e políticos. Publicou a novela curta La cita (1837); o volume Poesías (1840); La cuestión electoral en diciembre de 1839 y enero de 1840 (1840); os nove volumes de Biografías y retratos. Galería de españoles célebres contemporáneos o biografías y retratos de todos los personajes distinguidos de nuestros días en las ciencias, en la política, en las armas, en las letras y en las artes, adornada con retratos. En colaboración con Francisco Cárdenas (1841-1844); Compendio histórico-crítico de la Jurisprudencia romana desde su principio hasta los tiempos de Justiniano. Extractado de la obra que escribió en inglés Eduardo Gibbon sobre la declinación y caída del Imperio romano (1842-1843); A la Corte y a los partidos. Palabras de un diputado conservador sobre las principales cuestiones de nuestra situación política (1846); De Villahermosa a la China. Coloquios de la vida íntima, folletín inserido no xornal La Patria en 1848 e publicado de xeito independente en dous tomos en 1858; Dicionario de política. Enciclopedia de la lengua y de la ciencia política y de todos los sistemas societarios (1849), obra escrita baixo a dirección de Eduardo Chao; ou Hasta qué punto la participación en los negocios públicos de los que cultivan las letras y profesan las ciencias pueden ser causa o síntoma de decadencia en la literatura de una idea (1860). Escribiu tamén traballos de crítica literaria, como a serie de artigos publicados en 1837 no Museo Artístico Literario, Del movimiento literario en España e, nese mesmo ano, o “Prólogo” ás Obras poéticas, de José Zorrilla, onde fai unha exaltada defensa do romanticismo. Como poeta en galego, a súa obra reviste a importancia de presentar os primeiros poemas cultos da literatura galega do s XIX con dúas composicións que anuncian a poesía romántica e datan dos anos da súa adolescencia en Compostela, é dicir, entre 1826 e 1828. Son adaptacións á lingua galega da égloga renacentista clásica seguindo o modelo de Garcilaso e as poesías sentimentais, de Meléndez Valdés. O 11 de marzo de 1828 publicou o poema A Alborada na revista Museo Artístico Literario, considerado o texto que inaugura o rexurdimento lírico do s XIX galego, formado por dezaseis estrofas nas que o autor emprega liras e estancias de seis versos para describir unha escena amorosa: o amado entoa os seus cantos nun locus amoenus á hora da alborada mentres agarda a que esperte a súa amada. Atribúeselle tamén a Égloga de Belmiro e Benigno, un manuscrito anónimo rescatado en 1951 por Xosé María Álvarez Blázquez e que posiblemente é anterior á Alborada, que dá conta da tristeza do labrego Belmiro pola morte da súa amada e o consolo que recibe do seu amigo Benigno a través dun canto de ton bucólico á beira do río Landrove. Está escrita en estancias de catorce versos, combinándose hendecasílabos e heptasílabos. Tralo seu pasamento editáronse, por iniciativa da Academia de la Lengua, seis volumes das súas obras baixo o título Obras Completas (1866-1868). Cada un deles vai precedido dun prólogo a cargo, respectivamente, de Fermín de la Puente Apezechea, Hartzenbusch, Ferrer del Río, Cánovas del Castillo, Antonio de los Ríos e Juan Valera. Neles inclúense, entre outras, o ensaio histórico Italia y Roma. Roma sin el Papa; Álbum literario, que recolle artigos críticos, filosóficos, o seu discurso de recepción na Real Academia Española, a novela La cita e as biografías do Duque de Rivas e de Javier de Burgos; as leccións impartidas no Ateneo de Madrid entre 1848 e 1849 baixo o título Los problemas del socialismo; Memorias de una campaña periodística, artigos e discursos; e Diez años de controversia parlamentaria, escritos e discursos sobre a historia política española entre 1840 e 1852. Recibiu as grandes cruces de Carlos III, San Xenaro de Nápoles, Cristo de Portugal, San Xurxo de Parma, San Narciso e San Lázaro de Bretaña. En 1911 a vila de Viveiro ergueulle un monumento na súa honra e en 1923 trasladáronse os seus restos mortais dende Madrid á igrexa de San Francisco, na súa vila natal. Pertenceu á Academia de Ciencias Morales y Políticas e en marzo de 1847 designárono membro numerario da Real Academia Española.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Viveiro -
Deceso
Lugar : Madrid