Díaz del Castillo, Bernal
Militar e cronista de Indias. Marchou a Cuba no 1514 e participou na primeira expedición a México (1517), dirixida por Francisco Hernández de Córdoba, e na segunda (1518), con Juan de Grijalva. Acompañou a Hernán Cortés durante a terceira (1519) e tomou parte na conquista de Nueva España, do Yucatán, de Guatemala e de Honduras. Dende 1539 viviu en Santiago de los Caballeros de Guatemala, onde casou con Teresa de Becerra, filla do conquistador de Guatemala. Nomeado rexedor perpetuo de Santiago (1551), recibiu tamén o nomeamento de Hijodalgo e o Certificado de Armas, outorgado por Filipe II. Escribiu Historia verdadera de la conquista de la Nueva España, publicada en 1632, crónica sobre as accións colectivas que fixeron posible o triunfo de Cortés, que refuta as versións de Francisco López de Gómara na Historia general de las Indias y conquista de México (1552) e das Cartas de Hernán Cortés. É unha das narracións máis destacadas da conquista, que revive procedementos da crónica medieval e os combina con descricións rápidas e pasaxes de ton épico. O manuscrito orixinal consérvase no Archivo de Centroamérica, na cidade de Guatemala.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Medina del Campo -
Deceso
Lugar : Santiago de los Caballeros de Guatemala, actual Guatemala