Díaz Fuentes, José

Díaz Fuentes, José

Escultor. Comezou a súa formación como tallista ata que en 1958 se trasladou a Santiago de Compostela onde estudiou na Escuela de Artes e Oficios Mestre Mateo. En 1964 ingresou na Escola de Belles Arts de Sant Jordi e en 1967 na Escola Superior de Bellas Artes de San Fernando de Madrid. Dende 1970 reside en París, onde aprendeu co Patkai as técnicas de traballo con formigón armado e a relación da escultura co contorno e coa arquitectura. A súa obra caracterizouse pola utilización da natureza como fonte de inspiración, a sinxeleza das formas e os vestixios do pasado galego. Nalgunhas das súas obras mostrou un estilo modernista. Empregou, entre outros materiais, o bronce, a madeira, a pedra, o ferro e o formigón. Aínda que desenvolveu a súa traxectoria artística en Francia, en Galicia realizou monumentos públicos de gran tamaño, entre os que destacan as obras realizadas para a facultade de Ciencias Económicas da Universidade de Santiago de Compostela (1977) e para a residencia de anciáns de Sarria (1983); e intervencións urbanísticas, entre as que sobresaen o proxecto de remodelación do centro histórico de Ferrol (1983), a remodelación da zona histórica de Pontedeume (1984) e o proxecto histórico artístico de Betanzos (1987). Entre 1987 e 1999 realizou tamén mobiliario urbano para Santiago de Compostela. Entre as súas esculturas pódense citar, Vida y muerte (1978), Fuerzas y partículas (1993), La reina (1999) e Terre (1999). Participou, entre outras, na I Mostra Independente de Artes Plásticas de Galicia (1973) e nas exposicións do Salon d’Automne de París, do que tamén é socio. Dende 1982 a súa obra está presente no Musée d’Art Contemporain de Francia. Recibiu a Medalla de Bronce da Academia Europea de Belas Artes en 1981.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Sarria