Díaz Miguel, Antonio

Díaz Miguel, Antonio

Xogador e adestrador de baloncesto. Xogou no Estudiantes de Madrid entre 1950 e 1958, cunha breve paréntese na tempada 1952-1953, baixo a disciplina do CAVE. En 1958 fichou polo Real Madrid, co que se proclamou campión de liga nas tempadas 1958-1959 e 1959-1960. En 1961 marchou ao Águilas de Bilbao, equipo no que xogou para cursar os estudios de enxeñería industrial na Universidad de Deusto. Debutou coa selección española o 4 de xuño de 1952. En 1963 asumiu a dirección técnica do Águilas, ao que adestrou entre 1963 e 1965. En 1965 a federación nomeouno seleccionador nacional. Neste cargo, que desempeñou durante 27 anos consecutivos de xeito ininterrompido (318 partidos oficiais), acadou os maiores éxitos do baloncesto español: dirixiu o combinado masculino en seis Xogos Olímpicos (México 1968, Múnic 1972, Moscova 1980, Los Angeles 1984, Seúl 1988 e Barcelona 1992), en 5 edicións do Mundobasket e en 13 do Eurobasket. O palmarés da selección durante a súa etapa inclúe un subcampionato olímpico (Medalla de Prata en Los Angeles 1984) e dous europeos (Medallas de Prata en 1973 e 1983), ademais dun terceiro posto (Medalla de Bronce) no Eurobasket de 1991. Os éxitos da selección de A. Díaz Miguel contribuíron á popularización do baloncesto en España; á marxe das medallas obtidas, un dos principais triunfos do equipo nacional foi a primeira vitoria sobre os EE UU, que conseguiu na fase previa do Mundobasket de Colombia 1982 (rematou na cuarta praza). Recibiu numerosos premios, distincións e condecoracións, entre as que destacan a Medalla de Ouro ao Mérito Deportivo (16.7.1993) e a Gran Cruz da Real Orden del Mérito Deportivo (10.2.2000).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Alcázar de San Juan, Ciudad Real

  • Deceso

    Lugar : Madrid