Díaz Monterroso, Pilar
Pintora. A súa produción centrouse na paisaxe. Recollidos os bosquexos do natural, realiza as obras no estudio, plasmando unhas paisaxes reconstruídas nas que perdura unha visión relacionada cos seus recordos persoais, como os recunchos da cidade vella coruñesa onde naceu. Empregou a realidade como desculpa para amosar unha linguaxe centrada no estudo da luz e das texturas transparentes. Cunha pincelada miúda e con trazos rápidos, empregou as gamas frías de azuis, grises e brancos equilibrados con lixeiros toques cálidos. Captou as atmosferas espaciais a través de humidade ambiental dos ceos nubrados e do estudo da auga. Entre outras obras, destacan Betanzos: Muíños de Caraña (1992), Ría de Cedeira (1996), Varadoiro do peirao I (1997), Varadoiro do peirao II (1999) e Lorbé (1999). Nas paisaxes urbanas suxeriu os espacios a través dos xogos de luz, neste caso claroscuros potenciados polas arquitecturas dos recunchos dos centros históricos, entre eles destacan Núcleo histórico de Ourense (1999), Lugo: porta na muralla (1999) e Na zona vella de Pontevedra (1999). Ilustrou Antología del Aniversario Librería Follas Novas 1971-2001 (2001). Realizou exposicións en Betanzos, Cervo, A Coruña, Ferrol, Las Palmas, Pontedeume, Pontevedra e Vigo, e participou en numerosas mostras colectivas. Foi seleccionada para a exposición itinerante do II Premio de Pintura do Eixo Atlántico (1998). A súa obra está presente en coleccións privadas e públicas, entre as que destacan a da Xunta de Galicia e a da Autoridade Portuaria da Coruña.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Coruña