Díaz Porlier, Juan

Díaz Porlier, Juan

Militar. Coñecido como o Marquesito, serviu como gardamariña na Armada e participou na Batalla de Trafalgar (1805). Incorporouse como capitán nun rexemento de cabalería e participou na Guerra da Independencia co rango de coronel. Reuniu e organizou as guerrillas dende San Cebrián de Campos (Palencia) e, en febreiro de 1809, liberou un depósito de prisioneiros dos franceses en Sahagún. Trala conquista da gornición de Aguilar de Campoo ascendeu a brigadier. Trasladouse a Asturias e levou a cabo varias expedicións marítimas contra os franceses polo Mar Cantábrico a bordo da fragata británica Aretusa. No 1812, coa formación do IV exército español, conseguiu o mando da 5ª División, pero tralo retorno de Fernando VII foi detido polas súas ideas liberais (29.5.1814) e condenado a reclusión no castelo de San Antón da Coruña. Chegou á cidade o 16 de xullo de 1814 e pouco despois comezou a preparar unha sublevación. Alegando motivos de saúde, trasladouse xunto coa súa muller, Xosefa Queipo de Llano e Ruiz de Saravia, ao balneario de Arteixo e dende A Pastoriza preparou unha sublevación. A noite do 18 ao 19 de setembro de 1815 dirixiu o pronunciamento liberal que se produciu na Coruña. Despois de facerse coa cidade, marchou co apoio das tropas cara a Santiago de Compostela. As proclamas que lles dirixiu ás tropas defendían as liberdades públicas e promulgaban a restauración da orde constitucional. As institucións militares, civís e eclesiásticas de Santiago de Compostela organizaron a contraofensiva e, subornadas as tropas de Porlier, detivérono no lugar de Merelle (21.9.1815), preto de Ordes. Trasladado á Coruña, permaneceu no Cárcere Real ata que o condenaron a morte. O 25 de marzo de 1820 restituíronselle os honores por unha Real orde.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Cartagena de Indias

  • Deceso

    Lugar : A Coruña