Díaz Rozas, Manuel
Inspector de educación primaria. Realizou os seus estudios na Escuela Superior de Magisterio de Madrid e, a partir de 1921, exerceu o cargo de inspector-xefe de educación primaria na provincia da Coruña. Non obstante , durante a ditadura de Primo de Rivera, foi apartado do seu cargo e enviado a Huelva polas súas ideas republicanas. Durante a Segunda República regresou á Coruña ata que, co inicio da Guerra Civil, foi trasladado a Ávila, sen poder exercer cargos directivos dentro da inspección. Pouco despois foi afastado definitivamente da inspección e non foi ata os anos cincuenta cando se reincorporou á súa función profesional. En 1920 gozou dunha estancia de estudios pedagóxicos no Instituto Rousseau de Xenebra e, no ano 1921, visitou de novo varios países europeos para coñecer as súas realidades escolares, momento no que foi tamén a Londres; en 1930 volveu facer unha nova viaxe por varios países. Foi membro da Agrupación al Servicio de la República, dirixida por Ortega y Gasset, e despois relacionouse coa ORGA e, en menor medida, cos galeguistas do PG. Foi promotor destacado da Asociación de Vanguardia Pedagógica, nacida na Coruña, e do seu Boletín de Vanguardia Pedagógica; e tamén do intento de crear en Galicia en 1932 unha Sociedad Paidológica Gallega, como asociación científica para o fomento das investigacións pedagóxicas. Neste mesmo ano, na Asemblea Estatutaria Galega, defendeu a necesidade de realizar un tratamento político autonómico do ensino. Tamén foi un dos promotores das Misiones Pedagógicas (1933) na Coruña e en Pontevedra. En 1934 pasou a presidir a sección de Pedagoxía do Seminario de Estudos Galegos, ao amparo da que funcionou un laboratorio de psicotecnia e se realizaron importantes conferencias pedagóxicas na cidade de Pontevedra (1935), ámbito no que Díaz Rozas defendeu a necesidade da galeguización lingüística escolar e da práctica dunha escola activa no contexto dunha renovada escola rural en Galicia. Cómpre dicir que el e a súa dona, a inspectora Cristina Pol, reuniron unha importante biblioteca psicopedagóxica ata os anos corenta do s XX, biblioteca que se recuperou e incorporou ao Seminario de Estudios Galegos e ao Instituto Galego de Información. Publicou Datos biográficos de Don Leopoldo Pedreira Taibo (1915), en colaboración con Federico García.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Coruña -
Deceso